3/10/12

Que sabemos dos castros?


Vimos de participar nas xornadas Que sabemos dos castros? celebradas a pasada fin de semana en Vimianzo co apoio do concello e baixo a encomiable iniciativa do arqueólogo Ángel Concheiro. Esta actividade de divulgación e comunicación supón, ao meu modo de ver, un punto de inflexión no modelo de encontros arqueolóxicos no noso país. E son varias as razóns que podemos esgrimir tras ter vivido a experiencia, como lle gosta dicir aos californianos hippies (que ficarían abraiados, por certo, coa perfomance noitarega do sábado pola noite no castro das Barreiras):
1.       En primeiro lugar chama a atención a franxa de idade dos ponentes, grosso modo entre os 27 e os 45 anos. Non estamos diante do típico congreso, xerárquico e xerontocrático, cos popes clásicos, senón perante un encontro no que conflúen recentes xeracións de arqueólogos e arqueólogas do NW con experiencias no eido da investigación básica, a docencia, a Arqueoloxía profesional e a xestión do Patrimonio. Unha xente que ten ampliado estudos máis alá do tradicional encadramento galaico-minhoto, con estadías de investigación por Europa adiante, cun enfoque claro de Arqueoloxía social e pública. Non se ven esas estampas tan propias dos ritos de paso, co arqueólogo petrucio falando e o bolseiro ou bolseira pasando o powerpoint. Non. Os ponentes contan cunha traxectoria ampla asumindo responsabilidades en xestión de proxectos dende ben novos. Constátase aquí unha creba xeracional co modelo tradicional de xestión da produción do coñecemento, ao meu modo de ver.
2.       En segundo lugar, cómpre sinalar a naturalidade coa que se asume a interdiscipinariedade, fuxindo de torpes plantexamentos gremialistas que sancionan os compartimentos estancos na investigación. Por Vimianzo pasaron antracólogas, xeomorfólogas, malacólogos, especialistas en arqueometalurxia e Arqueoloxía Pública... E pasaron por alí non para demostrar nada, para medrar curricularmente, para emular aos seus Mestres, para autoafirmarse, non, falaron para compartir co público (cos públicos, máis ben) as súas experiencias arqueolóxicas, as súas inquedanzas e os seus anceios á hora de facer Arqueoloxía nestes tempos de incertidume e de crise.
3.       A superación dos enfoques parciais e sectarios tan propios das correntes academicistas. Neste senso chama a atención como os ponentes recollen as principais aportacións das diferentes escolas (histórico-cultural, funcionalista, teorías críticas) e rachan cos modelos interpretativos pechados, procurando sempre unha leitura social do rexistro arqueolóxico. O medo ao mundo simbólico e ritual, a leitura política das comunidades da Idade do Ferro semella cousa doutros tempos.
4.       O compromiso tácito coa Arqueoloxía Pública, asumindo a divulgación, formación e comunicación como chanzos básicos na investigación sobre o pasado.
5.       Todas as ponencias amosaron un necesario espírito de autocrítica e, sobre todo, un retranqueiro e moi galaico sentido do humor que racha con esa idea aburrida do Patrimonio como algo moi serio que non se pode deixar en mans de calqueira. Con ironía fundamentada deconstruíronse os tópicos desa cultura castrexa, co seu centro e a súa periferia, deses históricos arqueólogos galeguistas sempre bos e xenerosos, desa suposta ciencia arqueolóxica á marxe da ideoloxía, a política e o mercado.
6.       Houbo verdadeiros debates, e alí todos puideron exponer o seu punto de vista, o profesor de secundaria, o arqueólogo retirado, o paisano de Vimianzo, o erudito local, o activista, o escéptico. Como no anuncio aquel de Coca Cola, foi un congreso para todos.