16/10/12

O saxofón



Nas nosas escavacións arqueolóxicas sobre a guerra civil na contorna da localidade alcarreña de Abánades atopamos as evidencias materiais do que alí aconteceu nos días da esquencida batalla do Alto Tajuña desencadeada pola República coa tentativa de contrarrestar o avance franquista cara ao Mediterráneo en marzo-abril de 1938. Entre casquillos, balas, latas de conserva e restos humanos, apareceu unha insignia metálica coa senyera e a palabra Catalunya. Neste Exército do Centro loitaron pola España democrática miles de cataláns, até a rendición final o 1 de abril de 1939, cando a súa terra levaba ocupada por Franco catro meses. Cousas que cómpre non esquencer a día de hoxe.
Un deses mozos que loitou na Alcarria contra o feixismo foi Buenaventura Leris (1913-1996), un barcelonés dotado para a música que destacou no Conservatorio da Cidade Condal. Virtuoso do saxofón pasou a formar parte nos anos 30 de dúas bandas de jazz de recoñecido prestixio, primeiro os Speaker’s Jazz e logo a Llobell. Conductor de profesión e afiliado á UXT ingresa no Exército Popular e marcha á Alcarria coa Brigada Mixta 138, en xuño de 1937. Nestas terras alcarreñas leva puntualmente un diario que foi doado pola súa familia ao Museo Espacios Históricos de Abánades. Este testemuño escrito ten un valor incalculable para coñecer a vida cotiá nas trincheiras e mailo dramatismo da guerra. Tamén está inzado de sentido do humor, como cando relata os partidos de fútbol na retaguarda: cada gol era celebrado pola banda coa música dun pasodoble. Neses anos de guerra o noso saxofonista participaba en recitais e homenaxes en Madrid e Guadalajara, onde sempre trunfaba entre os soldados cataláns o tema “Catalans a l’Alcarria”, no que se establecía un vencello entre a loita contra os Borbóns na batalla de Brihuega (1710) e a loita contra o feixismo na batalla de Guadalajara (1937).
 
A derrota final leva ao noso músico ao campo de concentración de Gárgoles de onde pode saír polo aval dun empresario catalán adicado á comercialización de anís. Este home contrata a Leris como conductor na súa empresa Estrada, onde traballa até xubilarse. A guerra quitáralle moitos amigos e afectáralle á vista e, sobre todo, ao ouvido. Un talentoso saxofonista chamado a marcar época no mundo do jazz español viu crebado o seu futuro para sempre. Un Beetthoven xordo pechado nunha Citröen durante décadas. O seu fillo declarou que a maiores desas desgrazas o pior que lle acontecera a Leri fora a perda definitiva do sentido do humor.
A historia deste saxofonista foi dada a coñecer polo Museo de Abánades, que acolle unha exposición temporal sobre esta víctima da guerra. Entre o material que forma parte da exhibición, destaca esta solicitude que permite maxinar unha banda de música derrotada facendo entrega das súas armas cargadas de bemoles e sostenidos:
Jefe de la 51 División de la FET.
Muy Sr Mío: El día 29 de marzo de 1939 año de la Victoria nos hallábamos todo el cuartel general de la 33 división (roja) en la iglesia de la Esperanza, término municipal de Zañón, provincia de Guadalajara; allí y en ese mismo día y con gran respeto y solemnidad se hizo la entrega de armamento y hombres al Glorioso Ejército Nacional, junto con unos representantes que vinieron para tal efecto.
Al poco tiempo hizo acto de presencia el Sargento de la Banda de la 51 División de FET y se entrevistó con nuestro “ex” Director, dándonos la orden rápida y sin excusas para que entregásemos todos nuestros instrumentos, algún músico temió por la suerte del suyo y se hizo un poco reacio en entregarlo, entonces el Sargento de la Banda citada dijo que no nos quitaban los instrumentos sino que los devolverían, además coincidió todo esto con la llegada por allí del Exmº General Moscardó y se necesitaban nuestros instrumentos para hacerle los honores a tan ilustre militar.
Así que yo Nemesio Leris San Agustín hice entrega de un saxofón Mi bemol marca Beausier nº 3941 que se compró en la casa Giménez de Barcelona, calle San Antonio Abad nº 25 en el día 28 de abril de 1933 según factura que obra en mi poder a nombre de mi padre Don Lucas Leris.
Ahora como dicho instrumento me pertenece legalmente recurro a la justicia y bondad de S. S. me de las oportunas indicaciones para lo que tenga que hacer, advirtiéndole que dicho instrumento me es completamente indispensable para poder vivir y mantener a mi familia.
Que Dios guarde a V. muchos años, le saluda su attº y s.s.
Arriba España
Saludo a Franco
Cornellá, 16 de mayo de 1939.
 
Leris recuperou o saxofón pero perdeu o sorriso para sempre.