12/7/12

O número Sprockhoff



A Römisch-Germanische Kommission (RGK) de Frankfurt é unha institución mítica da Arqueoloxía europea. Dependente do Instituto Arqueolóxico alemán, conta coa mellor biblioteca de Arqueoloxía da Europa continental, alomenos. Aquí puidemos desfrutar dunha cea arqueolóxica e mesmo visionar un partido da Eurocopa. O edificio foi destruído polos bombardeos aliados, agás unha cousa: a biblioteca, gardada volume por volume a tempo. Na entrada, no corredor que conduce á estancia principal da biblioteca, consérvanse mobles da primeira época da institución así como a colección de retratos dos directores. Xa vedes, todos homes, dende o mítico Dragendorff que dá nome a unhas cantas sigillatas que aparecen nos castros costeiros galegos. Neste precioso documento gráfico deseguida un se decata dun pequeno detalle: entre 1934 e 1945, durante o nazismo, o director foi o home da esquerda, Ernst Sprockhoff (1892–1967); coa derrota en 1945 é sustituído, curiosamente, polo seu predecesor no cargo.
Ernst Sprockhoff é coñecido polo seu inventario de máis de 900 túmulos megalíticos en Alemaña; de feito cada tumba leva un número, o chamado número Sprockhoff. Todo moi na liña da conservadora e xeráquica Arqueoloxía histórico-cultural alemá. Este científico tan inocente foi membro destacado da Stahlhelm, grupo paramilitar ultradereitista xurdido tras 1918 que non se adicaba a dar conferencias precisamente. Camisa vella das SA, asociado da Liga de Profesores Nacionasocialistas e membro do Partido Nazi. Por suposto o proceso de desnazificación pouco significou para el, xa que foi profesor de Prehistoria e Historia Antiga na Universidade de Kiel dende 1947 até a súa morte.
Este nazi botou da institución a Gerhard Bersu, o director até 1934, quen acadara converter a entidade nun referente internacional. Coa chegada destes nazis, exilouse coa súa muller en Gran Bretaña, onde dirixiu escavacións en 1938 e 1939 en Little Woodbury. Cando se desata a guerra é internado como alemán na Illa de Man, onde desenvolve pola súa vez escavacións arqueolóxicas con outros presos. Cando remata a guerra, tralo seu paso pola Royal Irish Academy, Gerhard Bersu retorna a Alemaña.

No hay comentarios: