14/6/12

We want to own the past


O profesor da Universidade de Bangor, Raiumund Karl, vén de facer unha acertada reflexión sobre a relación que mantén a Arqueoloxía tradicional co público. A Arqueoloxía considérase así mesma coma a responsable do público na xestión do Patrimonio, porque o público paga. A meirande parte dos arqueólogos cren que a sociedade lle encarga, na defensa dos seus intereses, a proteción e preservación do Patrimonio arqueolóxico. Pero, segundo esta óptica, que é o público?
Como se ten comprobado, o público e o interés público simplemente non existen como tales; obedecen a unha ficticia clasificación que serve de ferramenta para un obxectivo claro. Neste senso, a xustificación da prática arqueolóxica non vén dada polos requerimentos do mercado, a Lei de Patrimonio ou vai ti saber que. Non. A Arqueoloxía garante a preservación do patrimonio contra os intereses potencialmente destrutivos dos individuos. Pero este interese, loxicamente, son os intereses dun anano segmento do público, isto é, a comunidade arqueolóxica. A maiores existe un amplo abano de públicos arqueolóxicos (eruditos locais, coleccionistas, afeccionados, consumidores pasivos e activos de patrimonio, comunidades New Age), que deben situarse á par nosa. O proceder dos arqueólogos é incluír a tododiós no totum revolutum da xente que non sabe, segmentarnos deles para lexitimar a nosa posición xerárquica e hexemónica, neste presente marcado polo conflicto de intereses entre públicos que compiten por atraerse a opinión pública. Neste mundo paramoderno, esquencemos que a Arqueoloxía, si, é un produto e unha ferramenta para o lecer, consumida e gozada por individuos moi diferentes.

En Galicia, neste contexto de crise económica, estamos vendo como grande parte da Arqueoloxía académica segue onde sempre, mentres xurden voces críticas dende o mundo da empresa e do paro que reivindican esa segmentación dos arqueólogos seguindo intereses corporativistas e gremialistas que no fondo, ao meu parecer, agochan un enfoque claro: o considerarse os únicos garantes, os verdadeiros e rigorosos manipuladores do Patrimonio arqueolóxico. Paradoxicamente este enfoque, maquillado con escenografías sindicais, procura algo tan evidente coma unha sorte de privatización do Patrimonio Arqueolóxico. O Patrimonio como coto privado dos arquéologos, como solución á pauperización da vida laboral e como ferramenta para acadar unha dignificación da profesión. Voluntarios, afeccionados, públicos, sociedade en xeral... go home.We want to own the past.

No hay comentarios: