16/6/12

Un oppidum na túa vida

Cando comezamos co proxecto dun campo de traballo arqueolóxico internacional en Neixón en 2003 tentamos aprender de experiencias desenvoltas en Europa, coma o proxecto do oppidum alemán de Dünsberg. En Frankfurt vimos de coñecer ao responsable desa iniciativa entre 1999 e 2004, Karl-Friedrich Rittershofer. Segundo nos conta, o proxecto de escavación convencional deste asentamento céltico contaba cunha subvención pública de 25.000 euros, o que non permitía moitas florituras nun xacemento inmenso. Para sobredimensionar o proxecto xurdiu a idea de facer um campo de traballo para voluntarios, tanto da zona como do resto de Alemaña e doutros países. Cada ano, a escavación contou com equipos de entre 70 e 170 voluntarios. Un total de 657 voluntarios de 34 países participaron dende dúas semanas a toda a campaña. Resulta incrible como a comunidade local apoiou o proxecto, tanto con diñeiro como prestando facilidades; os supermercados e as tendas poñían a bebida e a comida para os voluntarios, mentres que determinadas empresas locais chegaron a achegar até 3000 euros por campaña. O xacemento, visible dende kilómetros de distancia, é un referente identitario nesta rexión alemá. O apoio da comunidade local e a súa implicación no traballo das escavacións fixo de Dünsberg un proxecto modélico que sentou escola en Europa, con herdeiros avanzados coma o proxecto no oppidum de Manching. Xa vedes, a interrelación entre Arqueoloxía científica, voluntariado, comunidades locais e mecenado garante o éxito de proxectos que doutro xeito quedarían reducidos a unhas pequenas sondaxes das que ninguén fóra da Academia (e de Alemaña) sabería nunca nada.

2 comentarios:

Nemigo dijo...

alguén pode faciliar un enlace de google earth da excavación?

Antón Malde dijo...

Manching nada menos!