29/6/12


Un proxecto arqueolóxico é unha celebración, esta é a filosofía da ilusionante experiencia que dá inicio mañá en terras de Carnota, unha iniciativa patrimonial integradora, democrática, aberta e plural na que participan persoas con nomes e apelidos. Unha versión 3.0 do modelo de Neixón, Castrolandín e A Lanzada, desta volta baixo a dirección de Antóm Malde (Arqueoloxía) e Manuel Gago (Comunicación). Por alí andaremos, como non, de voluntarios. Desculpen as molestias que lles poidamos causar por adicar o noso tempo de lecer ao que máis nos gusta.

http://torredosmouros.net/

25/6/12

A tese, á venda


Un aviso a todos aqueles que amosastes interés en adquirir a nosa tese de doutoramento, defendida en xaneiro pasado na USC, Casa, familia e comunidade na Idade do Ferro do NW. Como xa sabedes, neste traballo deféndese unha Arqueoloxía Pública que chegue á sociedade rompendo os vellos prexuízos academicistas e cientificistas. Neste sentido, a propia publicación electrónica da obra (versión en castelán), da man de Xurimaru comunicación, resposta a este enfoque, superando o modelo de custosa publicación en papel, de prezo prohibitivo e dirixida a un público erudito e especializado. O libro estará dividido en tres partes que se poderán adquirir na tenda electrónica de Xurimaru na editorial online www.redelibros.com  ao prezo de 3,99 euros cada volume. Se se mercan os tres libros, o prezo será de 9,99 euros.

20/6/12

As meigas de Lupa



Este xoves ás 19:30 na biblioteca pública Ánxel Casal de Compostela, participaremos na presentación do último libro da xornalista e escritora María Solar, As meigas de Lupa. Unha deliciosa historia publicada por Xerais e dirixida ao público infantil e xuvenil... e non tan xuvenil. Estarán tamén o director de Xerais Manuel Bragado e actuará o cantante Narf.

María colleu un avión a Santiago de Compostela, onde a esperan os seus curmáns Pablo e Martiño, para pasar unha semana de vacacións coa avoa Berta. Unha sorpresa agarda aos tres rapaces na casa de Santa Cruz de Ribadulla: deberán compartir a estancia con varias amigas da avoa, que veñen participar nun congreso de meigas. Tras a desaparición dunha vella chave da avoa e tras a presenza daquelas mulleres agóchase a historia dun segredo milenario, que foi gardado xeración tras xeración, que pasou de bocas a oídos, unha e outra vez, e que nunca se contou a quen non era merecedor de sabelo. Unha emocionante novela de intriga no século XXI. Unha trepidante viaxe no tempo á Galicia castrexa do primeiro século, cando chegaron aos territorios da raíña Lupa uns estranxeiros que traían o corpo do Apóstolo Santiago desde a afastada Palestina.

19/6/12

cool-touring

Xosé e  Monstse, emprendedores con paixón desbordante, dan á luz este venres o proxecto cool-touring, unha iniciativa que amplía a oferta de Compostela no eido do turismo cultural de calidade. Este mércores poderedes gozar dunha mostra dos contidos dun dos seus produtos: as audioguías temáticas sobre a Cidade. Alí estaremos.

17/6/12

O Faraón




En Frankfurt tivemos ocasión de ver a megaexposición itinerante sobre Tutankamon, con réplicas a tamaño real dos elementos máis sobranceiros da tumba. Así e todo, quedámonos coa historia de Howard Carter, durante moito tempo tratado despectivamemte pola Arqueoloxía académica (un clásico) que o consideraba un saqueador de tumbas. Carter era un excelente debuxante, fillo de artista, e traballou en escavacións na terra do Nilo dende os 18 anos. Un voluntarioso voluntario, novamente. O rexistro que fixo, malia os impedimentos políticos, problemas de conservación e demais, é abraiante. As súas reflexións sobre o traballo de campo seguen a ter validez hoxendía.
Esta exposición é un magnífico exemplo de mercadotecnia arqueolóxica superlativa a escala global. A entrada rolda entre os 16 e 20 euros, e a megatenda de souvenirs devala entre o kitsch e o gore e alí podes mercar o chapeu do todopoderoso exiptólogo exipcio Zahi Hawass... por 45 euros. O fetichismo arqueolóxico non ten límites. A exposición atópase nunha zona da cidade con forte presenza de inmigrantes etíopes, eritreos e do N de África. Neste contexto, os graffiteiros que se fixeron cos lindes da edificio non semellan esquencer a cercanía de Hawass ao rexime de Mubarak ou iso parece. Novamente, un home, un chapeu...

16/6/12

Un oppidum na túa vida

Cando comezamos co proxecto dun campo de traballo arqueolóxico internacional en Neixón en 2003 tentamos aprender de experiencias desenvoltas en Europa, coma o proxecto do oppidum alemán de Dünsberg. En Frankfurt vimos de coñecer ao responsable desa iniciativa entre 1999 e 2004, Karl-Friedrich Rittershofer. Segundo nos conta, o proxecto de escavación convencional deste asentamento céltico contaba cunha subvención pública de 25.000 euros, o que non permitía moitas florituras nun xacemento inmenso. Para sobredimensionar o proxecto xurdiu a idea de facer um campo de traballo para voluntarios, tanto da zona como do resto de Alemaña e doutros países. Cada ano, a escavación contou com equipos de entre 70 e 170 voluntarios. Un total de 657 voluntarios de 34 países participaron dende dúas semanas a toda a campaña. Resulta incrible como a comunidade local apoiou o proxecto, tanto con diñeiro como prestando facilidades; os supermercados e as tendas poñían a bebida e a comida para os voluntarios, mentres que determinadas empresas locais chegaron a achegar até 3000 euros por campaña. O xacemento, visible dende kilómetros de distancia, é un referente identitario nesta rexión alemá. O apoio da comunidade local e a súa implicación no traballo das escavacións fixo de Dünsberg un proxecto modélico que sentou escola en Europa, con herdeiros avanzados coma o proxecto no oppidum de Manching. Xa vedes, a interrelación entre Arqueoloxía científica, voluntariado, comunidades locais e mecenado garante o éxito de proxectos que doutro xeito quedarían reducidos a unhas pequenas sondaxes das que ninguén fóra da Academia (e de Alemaña) sabería nunca nada.

Voluntas


Paradoxicamente os arqueólogos temos pouca memoria. Por iso cómpre lembrar algunhas cousas que todos temos vivido dende que decidimos adicarnos a isto:
1. Os estudantes comezamos a nosa fomación en Arqueoloxía de campo como voluntarios, si, como voluntarios, participando en escavacións pola comida e a dormida no mellor dos casos. Que alguén me explique a diferencia entre un estudante sen formación e outro voluntario calquera. Eu mesmo teño escavado anos cunha nena rinaxeira de New York, cun empregado na recolleita do lixo, cun albanel facedor de nichos, cun técnico radiólogo dun hospital... e todos eles son excelentes profesionais no seu e magníficos arqueólogos de campo. Pero claro, segundo algúns bos e xenerosos arqueólogos galegos isto é un atentado contra a profesión. Efectivamente, esta xente que veño de mencionar non son auxiliares... son os hoplitas e lexionarios voluntarios da Arqueoloxía
2. Como voluntarios aprendimos a facer traballo de campo, porque saímos da Facultade de turno cun título pero sen ningún tipo de habilitación profesional. Grazas ao noso voluntarismo e á boa vontade dos arqueólogos responsables dos proxectos de acollida, aprendimos a facer Arqueoloxía. Non podo dicir o mesmo da formación recibida na Universidade, unha custosa tomadura de pelo
3. Esta rede de solidariedade entre arqueólogos, novos e vellos, era un dos principais valores da nosa Arqueoloxía. Semella que os novos tempos veñen de reventar esta valiosa experiencia compartida. Contra a vontade, xurde de novo a Autoritas, non só na Arqueoloxía académica senón tamén (e isto é o incrible) entre as novas xeracións, formadas en proxectos de Arqueoloxía Social ou no eido da Corrección de Impacto Arqueolóxico por empresarios-arqueólogos ou por xente coma nós.
4. Esta perda de memoria momentánea acompáñase dunha denuncia expresa dos modelos de voluntariado en Arqueoloxía. En Europa a ninguén se lle ocorre actúar deste xeito, é máis, téntase ir máis alá da Arqueoloxía Pública, como veremos en seguintes posts. Mentres, a Arqueoloxía galega (se iso existe) segue empeñada en converter o país nun anómalo Sitio Distinto. Arqueólogos ex-voluntarios denuncian agora a presenza de voluntarios en Arqueoloxía. Corren malos tempos para a lírica... e para a Arqueoloxía.

Arqueólogos temporeiros


Imos continuar por esta línea divertida de cabrear a eses arqueólogos e administradores galegos tan preocupados (agora) pola mercantilización e democratización do patrimonio arqueolóxico. E para iso contamos com Wolfgang Meier e Kurt Frank, arqueólogos-empresarios austríacos. Estes irmaos Grimm déronse de conta, como se dá todo o mundo, ou case, que cada vez máis xente está abraiada polo estudo do pasado na súa contorna. Moita xente afeccionada ten un nivel alto en Arqueoloxía pero nunca puido gozar, si, gozar, dunha escavación arqueolóxica. A súa empresa ARGE Archeology leva dez anos ofrecendo a amadores a oportunidade de participar activamente en escavacións arqueolóxicas por Europa adiante, incluso sen experiencia previa (Oh my God!). Os socios científicos do proxecto son universidades, museos e entidades científicas independentes que garanten a calidade científica do traballo, o que vén sendo un aval científico. Cada grupo de participantes está titorizado por un xove arqueólogo contratado que pola súa vez actúa como contacto co equipo científico da escavación. Como vedes, é o mesmo modelo de voluntariado co que temos traballado (nós e moitos outros que agora critican este modelo) en Neixón ou Castrolandín por poñer dous exemplos. Para os que aínda así critican este modelo de voluntariado, aquí vai unha bomba: esta empresa vienesa cobra 1.280 euros pola participación activa nunha semana. O pack inclúe, aparte de desprazamento, aloxamento e manutención: escavación arqueolóxica titorizada, unha introdución á historia local, clases teóricas e práticas de arqueoloxía de campo, clases de rstauración e tratamento de materiais, seminarios, excursións, etc... Unha parte considerable destes cartos vai directamente para soster o equipo de escavación e garantir a continuidade do proxecto e a súa calidade científica. Por certo, a inmensa maioría de usuarios deste produto, destes clientes, destes cidadáns, repite a experiencia, por, repetimos, 1.280 euros á semana.

Aínda que me empeño, eu non vexo por ningures que estas inciativas leven á pauperización da arqueoloxía e a perda de dignidade da profesión, máis ben ao contrario, son unha ferramenta para a sustentabilidade da Arqueoloxía nestes tempos de crise, pero tamén nos tempos das vacas gordas. Pero claro, o doado é falar de explotación dos voluntarios, de chamar vendidos ao capital a arqueólogos e empresarios que viven da xestión do Patrimonio e ofrecen produtos e servizos coma este. Neste caso estamos falando de clientes e usuarios (outros van á lúa, pagando, claro). Pero no tipo de Arqueoloxía que nos movemos os que estamos deste lado da calicata, estamos falando de voluntarios que con boa vontade, sen pagar pero tamén sen cobrar, queren participar da recuperación do noso pasado na súa terra. E esta xente é a primeira que respecta, admira, publicita e divulga o labor dos arqueólogos profesionais.

Se queremos ollar para outro lado e botarlle as culpas das nosas miserias aos demais, alá nós.. pero a sociedade non merece uns científicos tan cegos, tan soberbios e tan deshonestos.

http://www.arge-archaeologie.at/

Gobernanza e empoderamento



Cath Neal, da Universidade de York, é a directora do Heslington East project nesa mesma cidade e un referente para todos aqueles arqueólogos e arqueólogas que cremos na Arqueoloxía em comunidade. Esta muller leva anos desenvolvendo proxectos arqueolóxicos para formación de estudantes, para integrar nas escavacións ás comunidades locais e voluntarios e mesmo leva a cabo proxectos educativos financiados por Heritage Lottery. A súa certeira análise fai fincapé nos procesos recentes de integración dos voluntarios e comunidades locais nos procesos de construción do coñecemento, e dá no cravo cando plantexa a principal contradición do sistema de xestión do Patrimonio: por unha banda, a Administración controla, intervén e regula, pero por outra banda (en UK non en Galicia, por suposto), pretende favorecer os procesos de empoderamento patrimonial das comunidades locais. Este paradoxo conleva tensións, equívocos e situacións surrealistas no noso país, como temos amosado polo miúdo Manuel Gago e quen isto escribe no libelo Herdeiros pola Forza.

14/6/12

Digging up History


Gerhard Ermischer é un tipo moi simpático, vencellado, entre outras cousas, a CIVILSCAPE, unha ONG internacional adicada á paisaxe cultural e a promocionar os valores da European Landscape Convention of the Council of Europe. De xeito maxistral, este home analisa as relacións entre investigadores e voluntarios na exploración da paisaxe. Ambas as dúas partes teñen as súas propias axendas, falan a súa linguaxe e dan lugar a equívocos e malos entendidos, como é normal. A partir dos seus quince anos de experiencia, este prohistoriador examina como xurdiu e se desenvolveu este diálogo entre ciencia e sociedade civil, cos trocos acontecidos até o día de hoxe, trocos que moitos se empeñan en non recoñecer. A construción da identidade é parte de todo este proceso; os voluntarios en todo tempo e lugar teñen un forte sentimento de pertenza, propio das comunidades locais, funcionan moi ben no traballo en equipo, preservan a memoria das paisaxes culturais e amosan unha enorme responsabilidade na preservación, coidado e estudo destas paisaxes. A comunicación de Gerhard Ermischer apela ao diálogo civil e a construción dunha Historia pública, na que teñen cabida empresas de arqueoloxía comercial, departamentos universitarios, asociacións de detectoristas de metais e mesmo Homeless Hostels... Do not be afraid training volunteers. Esta non é unha prédica baldeira que confunda os desexos coa realidade, xa que leva moitos anos levando á prática esta folla de ruta. E sabe do que fala.

Porque os castros galegos non son unha paisaxe cultural porque sexan xacementos arqueolóxicos; sono grazas á interacción das persoas, das comunidades con eles. E aquí os voluntarios xogan un papel sobranceiro e responsable, en moitos máis casos máis responsable cós propios arqueólogos que se moven na legalidade.

We want to own the past


O profesor da Universidade de Bangor, Raiumund Karl, vén de facer unha acertada reflexión sobre a relación que mantén a Arqueoloxía tradicional co público. A Arqueoloxía considérase así mesma coma a responsable do público na xestión do Patrimonio, porque o público paga. A meirande parte dos arqueólogos cren que a sociedade lle encarga, na defensa dos seus intereses, a proteción e preservación do Patrimonio arqueolóxico. Pero, segundo esta óptica, que é o público?
Como se ten comprobado, o público e o interés público simplemente non existen como tales; obedecen a unha ficticia clasificación que serve de ferramenta para un obxectivo claro. Neste senso, a xustificación da prática arqueolóxica non vén dada polos requerimentos do mercado, a Lei de Patrimonio ou vai ti saber que. Non. A Arqueoloxía garante a preservación do patrimonio contra os intereses potencialmente destrutivos dos individuos. Pero este interese, loxicamente, son os intereses dun anano segmento do público, isto é, a comunidade arqueolóxica. A maiores existe un amplo abano de públicos arqueolóxicos (eruditos locais, coleccionistas, afeccionados, consumidores pasivos e activos de patrimonio, comunidades New Age), que deben situarse á par nosa. O proceder dos arqueólogos é incluír a tododiós no totum revolutum da xente que non sabe, segmentarnos deles para lexitimar a nosa posición xerárquica e hexemónica, neste presente marcado polo conflicto de intereses entre públicos que compiten por atraerse a opinión pública. Neste mundo paramoderno, esquencemos que a Arqueoloxía, si, é un produto e unha ferramenta para o lecer, consumida e gozada por individuos moi diferentes.

En Galicia, neste contexto de crise económica, estamos vendo como grande parte da Arqueoloxía académica segue onde sempre, mentres xurden voces críticas dende o mundo da empresa e do paro que reivindican esa segmentación dos arqueólogos seguindo intereses corporativistas e gremialistas que no fondo, ao meu parecer, agochan un enfoque claro: o considerarse os únicos garantes, os verdadeiros e rigorosos manipuladores do Patrimonio arqueolóxico. Paradoxicamente este enfoque, maquillado con escenografías sindicais, procura algo tan evidente coma unha sorte de privatización do Patrimonio Arqueolóxico. O Patrimonio como coto privado dos arquéologos, como solución á pauperización da vida laboral e como ferramenta para acadar unha dignificación da profesión. Voluntarios, afeccionados, públicos, sociedade en xeral... go home.We want to own the past.

That belongs in a Museum!




Por se fose pouco, a segunda parte foi doutra volta espectacular. O encargado do Filmmuseum de Frankfurt botou o chapeu á cabeza e deu unha maxistral charla sobre o ciclo de pelis de Indiana Jones empregando o sombreiro como fío argumental. Eramos máis de cen persoas que estabamos como na casa, con cadansúa copa de viño ou cadansúa cervexa, a unha hora intempestiva. A exposición arqueolóxica conectaba coa precedente, centrada na figura de Chaplin. Espectacular.
Loxicamente non estamos aquí para dar leccións de Museística a ninguén, pero está claro que os museos xermanos xogan noutra liga. Onte, a responsable do Neanderthal Museum, Freya Köhler, especialista en comunicación da Ciencia, contábamos que este museo é o máis visitado de Alemaña, con 160.000 visitantes cada ano, dos cales máis de 60.000 son familias. Ademais do tirón mediático neanderthal, un entende estas cifras cando vei o programa educativo, que contempla até a celebración de cumpreanos infantís camuflados de workshop as fins de semana. Pola súa vez, Ulrike Radke, do Badisches Landesmuseum Karlsruhe, deunos unha lección sobre divulgación e formación, actividade que segue alicerzada nesta secuencia moitas veces esquencida: discutir-experimentar-desenvolver ideas propias e espírito crítico-comprender e relacionar co presente. Se a xente non entra no Museo, por moito que este abra as súas portas, o Museo debe saír fóra. E nestoutro museo alemán a oferta está adicada tanto aos visitantes como aos que quedan fóra, como nos enterros e cabodanos galegos.

En Galicia, o museo arqueolóxico (aula didáctica ou centro de interpretación) ou está pechado ou bota para atrás. Por mor dun falso cientificismo, da defensa a ultranza do rigor e o método, contamos con discursos baleiros con maniquíes sen faciana e discursos aburridos sobre obxectos secuestrados en vitrinas. O único que vale é contabilizar as visitas de escolares para garantir a vindeira subvención.


Unha noite no Museo



Esta conferencia serviu pola súa vez para inaugurar a exposición itinerante Indiana Jones e a Aventura da Arqueoloxía, cofinanciada por National Geographic e tres empresas norteamericanas. A deseñadora e comisaria da exposición, Geneviève Angio-Morneau, explicounos polo miúdo este proxecto, así como os seus obxectivos: amosar as orixes verdadeiras dos misteriores arqueolóxicos que aparecen nas pelis de Indiana Jones, introducir aos visitantes na arqueoloxía de campo a través dos chanzos principais dun proxecto de investigación, comparar a Arqueoloxía dos anos 10 e 20 coa Arqueoloxía da actualidade e desmitificar o traballo arqueolóxico sen perder a súa suxerente capacidade de evocación. A través de réplicas de obxectos que aparecen nos filmes, ambiciosos audiovisuais e o deseño de diferentes arqueozonas, vaise analisando o sentido do humor de Indi, os cómis de temática semellante anteriores ás pelis, o concpeto de tesouro arqueolóxico, os problemas da interpretación, a importancia do contexto en Arqueoloxía...

13/6/12

En construción




En Alemaña tamén o ladrillo forma parte do tecido produtivo do país. Frankfurt é o mellor exemplo, cos seus rañaceos e torres financeiras de deseño, arquitectura monumental que espanta o trauma da destrución ocasionada pola 2ª Guerra Mundial. Así é todo, a diferenza co Reino de España é absoluta. Quizabes podamos entender o contraste atendendo a dous detalles. Alguén maxina ao típico broker-tiburón-político-Gürtel-Deputación desbotando o AUDI, BMW oficial e o chófer? No barrio financeiro de Frankfurt a xente do business vai en bicicleta ao seu posto de traballo. O segundo detalle atópase nos Museos, que é o que acontece nos países civilizados. Onte saímos ás doce da noite do FilmMuseum, un martes. E todo isto nunha das zonas máis industrializadas do planeta.

12/6/12

Un home, un chapeu



Acabamos de chegar a Frankfurt para participar no Encontro europeo Integrating Archaeology. Science, Wish and Reality organizado no marco do proxecto Archaeology in Contemporary Europe no que levamos traballando dende 2007. A cousa comeza ben; este serán, conferencia inaugural de Geneviève Angio-Morneau co título Indiana Jones and the Adventure of Archaeology, preludio desa marabillosa película que seguirei vendo miles de veces até que morra: Indiana Jones a derradeira cruzada.

4/6/12

A Pompeia íbera




Excelente o traballo desenvolto polo equipo dirixido por Jaime Vives-Ferrándiz (Museu de Prehistòria de València) no xacemento ibérico de La Bastida de les Alcusses. Un proxecto que combina recuperación e crítica historiográfica (escavacións antigas de 1928-1931), investigación básica e arqueoloxía experimental, difusión e Arqueoloxía Pública. O poboado foi destruído de xeito violento polo que se conserva nun estado incríble. As últimas intervencións veñen poñer sobre a mesa a posibilidade de que albergase un palacio, con todo o que iso conleva. Pero tamén evidencia un espectacular proceso de ritualización da entrada con varios depósitos votivos (coetáneos) de armas, quizabes unha plasmación da estrutura social artellada en liñaxes. Así e todo, o que máis impresiona é a paixón que destilan os responsables científicos do proxecto, xa sexa vestíndose de íberos nas actividades co público ou abrindo por primera vez dende 1928 bolsas pechadas polos investigadores devanceiros. Co xente así constrúese Patrimonio, e non hai outra.