Mariña D'Or
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/10354.html
http://certo.posterous.com/cultura-un-exemplo-de-divulgacion-do-patrimon
Fotografías de Xurxo Mariño.
Publicado por El Ayán o 30.4.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Arquitecturas, Paisaxe
Publicado por El Ayán o 27.4.12 0 comentarios
Categorías: archaeological camp, Arqueoloxía e sociedade, Campaña 2007, Escavación arqueolóxica
Publicado por El Ayán o 27.4.12 0 comentarios
Categorías: archaeological camp, Arqueoloxía e sociedade, Escavación arqueolóxica
Publicado por El Ayán o 27.4.12 0 comentarios
Categorías: archaeological camp, Arqueoloxía e sociedade, Campo de traballo, Escavación arqueolóxica
Publicado por El Ayán o 27.4.12 0 comentarios
Categorías: archaeological camp, Arqueoloxía e sociedade, Campo de traballo, Escavación arqueolóxica
Publicado por El Ayán o 24.4.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Arquitecturas, Paisaxe
Publicado por El Ayán o 23.4.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Escavación arqueolóxica, Memoria histórica
Como sabedes, nos últimos anos temos traballado na fronteira entre Sudán e Etiopía occidental pescudando no modo de estar no mundo de comunidades étnicas marxinadas, perseguidas e escravizadas, como os gumuz ou os mao. Nestes pobos a Tradición confírelle moita importancia ao consumo ritualizado da cervexa en banquetes colectivos e á caza maior como rito de paso e prática cohesionadora dos varóns do grupo. O espallamento do Islam e dos misioneiros protestantes está rematando coa primera manifestación cultural mentres que o Estado abisinio, na súa angueira civilizatoria de antergos costumes, prohibe a caza a grande escala levada a cabo por estes grupos minoritarios.
En 2010 tivemos ocasión de observar as manobras dos inspectores do goberno para obviar a realidade étnica do grupo mao, minoría que habita os lindeiros occidentais de Oromía (vinte millóns de oromo cirtiáns ortodoxos e/ou musulmáns). O Goberno rexional nega esta realidade, considera os mao coma un clan oromo máis e ve nestas práticas cinexéticas unha inútil cousa do pasado. O bo da Etnoarqueoloxía é que nos permite contrastar a memoria material e a memoria histórica. Nas choupanas dos xefes mao penduran do esteo central os trofeos de caza, entre os que sobrancea a especie maís respectada e temida: o bisonte. Sen embargo, na memoria colectiva prevalece a lembranza do rei indiscutible: o elefante, extinguido nestas terras hai unha recua de tempo. Entre os gumuz de Metekel tamén se conserva o recordo das cacerías de elefante, um animal praticamente sagrado, agora convertido en toda unha metáfora literaria que forma parte da xenealoxía histórica dos gumuz e dos seus mitos fundacionais.
Aquelas cacerías desenvoltas por estes grupos premodernos pouco ou nada tiñan que ver con outro tipo de caza, a desenvolta pola elite que controlaba o poder imperial no Estado etíope. A fins do século XIX, os nobres amhara de Addis Ababa desprazábanse ás terras baixas para cazaren elefantes e gumuz. Como no caso da burguesía chilena da mesma época hai fotos de cazadores pousando o pé na cabeza dun ser humano: mapuches e gumuz como trofeo de caza. Esta é caza moderna, deshumanizada, como símbolo de ostentación social do Poder. Malia todo, a proverbial resistencia dos gumuz fixo que estes sigan existindo, mentres que os elefantes fuxiron definitivamente cara ao S. Doutra volta, o desprazamento de centos de miles de refuxiados sudaneses nas últimas décadas deu lugar a unha sobreexplotación do medio que pouco axudou á preservación desa especie en extinción, recluída neses parques naturais coñecidos por todos, dende Kenia até Sudáfrica.
A cobiza do marfín sempre estivo no maxín de todos os poderes coloniais dende o século XV, no Golfo de Guiné, for portugueses, españois, franceses, británicos ou holandeses. A illa de Mandji (Corisco) na que estivemos traballando o ano pasado, foi o encrave privilexiado para o embarque de escravos, colmillos, pelos e colas de elefante. Mesmo as comunidades locais do continente mercaban escravos aos europeos en troques de marfín. Como sinala o historiador catalán Gustau Nerín, cando os holandeses tomaron momentaneamente a posesión portuguesa de São Tomé en 1599, atoparon nos almacéns a módica cifra de 1.400 colmillos de elefante. O que resulta evidente é que o colonialismo europeo tratou por igual a persoas e elefantes. O incremento do prezo do marfín a partir de 1820 levou a pagar un duro español por 20 libras de colmillo de elefante. Mentres contra 1855 a trata de escravos xa desaparecera “oficialmente” no folgo de Guiné, a caza sistemática de elefantes seguiu sustentando a exportación de marfín, produto seguido moi de lonxe por madeiras exóticas, a cera e o caucho. Esta economía predadora levou á prática desaparación de determinadas árbores e dos elefantes na costa na década de 1890, razón de máis que levou aos franceses, alemáns e españois a encetar a conquista das terras do interior do Continente. Comezaba o século XX das prantacións, as grandes compañías e as explotacións forestais, o arrasamento dunha terra que foi lostregada por xente como Carrero Blanco no franquismo e polos Obiang hoxendía.
Da Guiné colonial contamos cun amplo abano fotográfico das cacerías levadas a cabo polos ricos explotadores españois, que emulaban a eses príncipes etíopes dos que vos falei ao principio. Estes retratos coloniais da década de 1940 para nada se diferencian da estampa do xefe de Estado do Reino de España en Bostwana en 2006. Algo lóxico se temos en conta que estamos a falar dun Borbón, que non fai outra cousa que seguer a tradición da escopeta nacional aprendida do seu pai e de Francisco Franco (de gatillo fácil), e transmitida ao seu neto (con notable éxito como se pode apreciar). Así e todo eu teño a sospeita de que Juanca estaba na sabana africana botando unhas salvas na honra da IIª República española,
Por unha banda, quizabes Juan Carlos de Borbón deba explicarlle ao elinfante Froilán que en certas zonas de África non hai nada máis sagrado ca un camposanto de elefantes e nada máis infame ca disparar a un animal indefenso. E se El-Rei quere botar uns tiros, coma o seu xenro, que lle poñan na Zarzuela unha diana con gallifantes rechamantes, moito máis limpos, baratos, ecolóxicos e divertidos. Ademais, os gallifantes, como os monarcas, non están en vías de extinción, ou si?
Publicado en Galicia Confidencial.
Fotografías: colonos españois liquidando elefantes en Guinea Ecuatorial
Publicado por El Ayán o 19.4.12 0 comentarios
Categorías: Etnoarqueoloxía, Memoria histórica
Imos andar unha tempada polas terras do Golfo Ártabro en traballos de prospección arqueolóxica do litoral, zona que coñecemos ben, xa que en 1999 fixemos o control arqueolóxico da construción da rede de gasificación. Polo momento, estamos a desfrutar dos primeiros inventarios e catalogacións feitas a comezos dos anos 80, nesa época esperanzada na que se poñía a andar a autonomía e estaba todo por facer. Daquela época é a Catalogación Artístico-Arqueológica del ayuntamiento de Cabanas (1986), estudo pioneiro feito por C. Toscano, S. Ferrer, J. Luaces e R. Penedo. Froito do enfoque etnoarqueolóxico asumido, inclúense lendas e relatos como o que segue (páxs. 110-111):
Hai uns sesenta anos contábase que o demo andaba ceibo polas fragas do Eume. Polas noites sentíase ruído como se rabanasen árbores e, sen embargo, pola mañá todo estaba igual. Contan que se vía a figura dun cabalo mouro moi grande e que cando os paisanos berraban "ay Jesusiño!" o cabalo trotaba cara a o río e se guindaba á auga deparecendo.
Ultimamente o demo voltou ás fragas do Eume, calcinando carballos centenarios.
Publicado por El Ayán o 18.4.12 0 comentarios
Categorías: Etnoarqueoloxía, Paisaxe
Un ensaio a todas luces aconsellable é o libro de Josep Llobera “O deus da Modernidade: o desenvolvemento do nacionalismo na Europa occidental” (1996) onde se analisan de xeito brillante, ao meu modo de ver, os alicerces teóricos e anímicos dos movementos de liberación das nacións sen Estado. En moitos casos, o vencello entre relixión e nacionalismo étnico foi a chave do éxito destes procesos revolucionarios. Aquí, en Bulgaria, temos un exemplo magnífico desta realidade. A Igrexa ortodoxa búlgara foi a garante do idioma e do sentir nacional baixo a ocupación otomana entre fins do século XIV e o último terzo do século XIX. Os mosteiros empoleirados na montaña, auténticas fortalezas fuxidías, convertéronse, por unha banda, en cenáculos para a recuperación da memoria colectiva, e por outra banda, en eixo fundamental da estratexia elaborada polos comités revolucionarios dirixidos por Vasil Levski e outros patriotas que levaron a cabo o golpe fallido de 1876 contra o Sultán. A feroz represión turca mobilizou á opinión pública internacional e deu como resultado a guerra turco-rusa de 1877-1878 e a consecuente independencia de Bulgaria. Un papel semellante xogou a Igrexa serbia, mesmo en épocas recentes, como nos recorda o vinte aniversario do inicio do salvaxe sitio de Saraxevo.
Cambiando de continente, un idéntico proceso deuse no Imperio abisinio co gallo da ocupación fascista italiana. Mussolini tentou rabanar os alicerces simbólicos do orgullo etíope cunha estratexia de humillación que contemplou o roubo dos obeliscos de Axum e unha represión brutal contra a poboación local. O atentado fallido contra o virrei Graziani en 1937 deu lugar á masacre de trescentos monxes etíopes do mosteiro de Debre Libanos, na zona cero do místico cristianismo ortodoxo etíope, arelixión dos dous grupos étnicos dominantes até hoxe, os amhara e os oromo. Os claros vencellos entre a igrexa e a guerrilla na guerra e liberación nacional trouxo como consecuencia un ataque frontal aos santuarios. Os corpos dos trescentos monxes quedaron estrados, sen soterrar, até a fin da guerra, como medida de persuasión para evitar o apoio do campesiñado aos patriotas abisinios (“arbeñoch”).
Esta relación entre resistencia-Igrexa nacional contra un poder alóctono constátase tamén de xeito paradigmático no caso irlandés. Cando as tropas de Cronwell entran a sangue e lume en Irlanda levan a cabo unha política de terra queimada, esborrallando por sistema as igrexas católicas esparexidas por toda a illa. Neste contexto, a igrexa devén un símbolo nacional. Os grupos de patriotas irlandeses, na súa fuxida, recuperan pedras das ermidas, capelas e igrexas queimadas, a poder ser anacos do altar, e lévanas canda si. Estas pedras, coñecidas como “carragh ann afrin”, son todo un recurso nemotécnico que transmite a tradición. Nos acampamentos dos grupos resistentes esta pedra simbolizaba a orde social gaélica e viña sendo todo un referente identitario, unha metáfora do patrimonio perdido e do orgullo nacional.
Unha rapaza de Cerasia casou en Cuba cun paisano seu, moito antes da guerra de España; de volta a Galicia, ao morrer de vella aquí deixou como leigado unha fermosa caixa, da que nunca se desprendera en vida. Dentro dela, comparten espazo unha vacaloura disecada, unha estampiña da Virxe, un alicornio e unha pedriña envolta cos restos dunha carta escrita en Cuba en papel de algodón. Esta pedra é a esquiniña do sopé de mármore do retábulo central da igrexa parroquial de Cerasia. Todo un exemplo de pedra de misar galaica que cruzou o Atlántico dúas veces.
Non serei eu quen diga que o futuro de Galicia nestes tempos de resistencia cultural e política para por oficiar misas, nin moito menos, pero si pasa por preservar e actualizar esas pedras de misar. Aqueles membros da Igrexa que terman da pedra de misar galaica, como o meu veciño, o teólogo Andrés Torres Queiruga, son froito dun vesánico ataque das forzas do Mal. A ultradereita dona en 2012 do Poder, civil e eclesiástico, non se conforma con demandar a fin do Estado autonómico e recuperar termos como “rojo” ou “separatista”. Non, no caso de Torres Queiruga, tradutor da Biblia ao galego (aí é nada), aplícaselle un termo que había séculos non se escoitaba neste país: “hereje”.
Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial
Fotografía: monasterio de Rila (Bulgaria)
Publicado por El Ayán o 17.4.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Memoria histórica
A caza como prática ritual e xesto de autoafirmación de xénero e status xa se documenta na Idade do Bronce deste recanto do Atlántico, hai máis de 3000 anos. Na arte rupestre das Rías Baixas contamos coas afamadas escenas de monta de bestas, coas representacións figurativas de cervos de cornamentas descomunais, asediados por guerreiros repoludos armados até os dentes. Alabardas, granito, pedra, guerra e poder son teselas dun mesmo mosaico que se manterá con diferentes sentidos e significados no culto aos xabaríns e os verracos na época dos castros, nas monterías feudais dos tempos medievais e nas cacerías fidalgas do Antigo Rexime. A guerra da francesada, entre outros eventos, impediu que a gillotina revolucionaria fixese o seu traballo, remanecendo a caza coma un eido desa fidalguía decadente decimonónica, tan ben descrita por Ramón Otero Pedrayo e Emilia Pardo Bazán A burguesía temperá, alóctona, comezaba a guindar aos lindeiros da historia aos vellos señores da terra. Ninguén recorda en Galicia a un comerciante maragato astorgano, a un indiano retornado ou un catalán conserveiro asentado no noso país termar dunha escopeta de caza. Iso seguían a ser cousas dos parásitos señoritos rendistas, que termaban dos alicerces da primeira Restauración borbónica. Un magnífico exemplo desta escenografía do Poder vén sendo o acontecido na illa de Cortegada co gallo da súa entrega a El Rei Alfonso XIII. Mentres as familias labregas son obrigadas a abandoar Cortegada en 1907 (anticipando a política fascista de deportación por mor dos encoros a partir dos anos 40) as elites locais puxan por gañar posicións perante a inminente chegada do maná monárquico traducido en cartos estivais. Neste contexto, organízase unha cacería na illa de Cortegada, o 17 de setembro de 1910. Reproduciremos aquí un paragrafo íntegro da crónica xornalística do acontecemento:
“El Domingo se verificó en la isla de Cortegada una cacería a conejos sin perros. Tomaron parte de ella el Excmo. Sr. Marqués de Aranda, Comandante del Hernán Cortés y los señores don Benito Cuesta, don Luis Patiño, don Juan Oubiña, don Manuel Casulleras, don Ricardo Colmeiro, don Pedro Piay y don Ramón Sanjurjo. La caza de pelo es esta isla abundantísima y lo prueba esta cacería en donde se cobraron 128 piezas en menos de tres horas y sin perros. Algunas de las piezas cobradas fueron entregadas por oden del señor Marqués de Aranda al cura párroco de Carril para que las distribuyera entre los pobres de dicho pueblo”.
A xente de orde que se beneficiaba do sistema caciquil chantado por Montero Ríos e adláteres segue nutrindo hoxe os nomes das rúas da Boa Vila de Pontevedra, os mesmos que adoptaban esta postura colonial e paternalista coa xente do común, en compañía de nobres e membros da Armada española. Cuspidiño ao que se vei cada ano na Escola Naval de Marín no século XXI, sen ir máis lonxe. Por que esta continuidade? O golpe de 1936 vai supoñer unha permanencia da caza como símbolo da xente de orde baixo o nacionalcatolicismo. Este poder de cartucho foi maxistralmente analisado por Delibes en los Santos Inocentes, na súa vertente tráxica, e por Berlanga na súa faciana patética e cómica.
Nestas coordeadas sitúase a xestión de parte do Patrimonio galego durante o franquismo. A escopeta nacional non só remataba coas masacres bercianas e ancaresas lideradas polo ministro dos paradores de turismo no tardofranquismo. Tamén guiaba os modelos de xestión de espazos hoxe considerados paraísos naturais, Patrimonio de todos, pero que daquela eran coto privado de caza. Para ilustrar esa cuestión voltaremos á ría de Arousa, centrando a nosa ollada en todo un personaxe: Alfonso Otero Goyanes, o Marqués de Revilla. Este home empregou os seus excelentes contactos para amasar capital na postguerra, na liña doutros potentados que medraron coa España nacional. O marqués investiu en minería de estaño e wolframio, foi o administrador de don Juan de Borbón na zona e fíxose coa illa de Sálvora na que recreou un pazo galego entre kitsch e gore onde daba renda solta ás cacerías cos colegas e socios capitalistas. Na memoria colectiva quedou marcado a lume a presenza de personaxes ao estillo John Balan disparando ao chou aquí e acolá coas pistolas Lügger alemás da IIª Guerra Mundial. O mesmo modelo de caza se trasladou á illa de Cortegada, onde se soltaban pavos reais, faisáns, codornices e toda raza de especies voadoras abatibles. Todo un zoolóxico, como nos dixo unha vella de Carril, nada en Cortegada, “ao servizo dos que mandaban, dos señoritos de Pontevedra”. Da illa só importaba o seu mentireiro valor cinexético; as persoas foran deportadas e o Patrimonio histórico saqueado, vendéndose incluso por enteiro, pedra a pedra, o hospitalillo do século XVII anexo á ermida, hoxe esborrallada.
Este mundo da escopeta nacional contaba con moi boa saúde xa no primeiro franquismo, no seo do nacionalcatolicismo fascistoide das décadas de 1940 e 1950. Neste tempo desenvolvéronse as primeiras escavacións arqueolóxicas no veciño xacemento de A Lanzada (Sanxenxo, Pontevedra) da man do director do Museo de Pontevedra, o franquista J. Filgueira Valverde. Naquela época, as escavacións arqueolóxicas en castros de Galicia eran realizadas por operarios do país “sagazmente” dirixidos por uns directores urbanitas que seguían apostando na meirande parte das veces por “dar la orden de proceder a la apertura de zanjas exploratorias”. Como testemuño gráfico impagable deses anos dispoñemos de fotografías inéditas desas campañas, gardadas no Arquivo do Museo de Pontevedra e que son un fidel reflexo desa Arqueoloxía clasista e colonial xerada neste universo da escopeta nacional. Arqueólogos e académicos (sempre homes) con garabata, traxe e zapatos escintileantes discuten sobre a area da duna mentres mozos e vellos da parroquia de Noalla desenvolven os traballos de escavación. Os habitantes da zona son meros espectadores pasivos aos que ás veces se acode para que actúen como reproductores de audio lembrando contos e lendas. Pola contra, os agradecementos oficiais na publicación académica dos resultados irán dirixidos ás forzas vivas do lugar: Al cerrar este diario por la presente campaña, es justo agradecer al reverendo señor cura párroco de Noalla; a los marqueses de Riestra y a sus hijos Antón y Mercedes Pita Arechavala; a la Sociedad Anónima La Toja y a sus funcionarios los señores Pfaf, Uría y Yordi; a don Pedro Castiñeiras y a los señores de Bugallo, sus constantes atenciones. Como en Cortegada en 1910, marqueses, fidalgos, señores, cregos e funcionarios debuxan un panorama de postguerra que pouco difería do caciquismo pontevedrés da Restauración. Así e todo, os directores da intervención arqueolóxica amosan sui generis un certo interés pola concienciación patrimonial da poboación, por aquilo que hoxendía denominaríamos Arqueoloxía Pública: Rogamos al señor cura párroco, que tanto interés demostró por nuestra labor, que desde el púlpito haga ver a los feligreses el interés de la conservación de lo descubierto. Otra gestión hacemos con la Guardia Civil.
A escopeta nacional é un capítulo do noso libro Herdeiros pola Forza, de 2.0 Editora, xa nas librarías de toda Galicia. Un libro de evidente actualidade.
Publicado por El Ayán o 16.4.12 1 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade, Memoria histórica
O venres 20 abril terá lugar en Vigo na sé da Fundación Barrié (Rúa Policarpo Sanz 31) o primeiro encontro anual da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Teconolóxica . Toda a xornada, agás a asemblea xeral, é aberta ao público interesado.
O programa do encontro é o seguinte:
BLOQUE 1: Compartindo experiencias
5:00 Relatorio «Cultura Científica, Arqueoloxía Pública e Cultura Popular en Galicia» a cargo de Xurxo Ayán, Arqueólogo do CSIC
5:30 Relatorio «Xénero, ciencia e comunicación» por Iolanda Casal xornalista de «El Correo Gallego»
6:00 Obradoiro: «Ciencia e Cociña» polo físico Martín Pérez Rodríguez e coa participación de Rafael Centeno, cociñeiro do restaurante Maruja Limón (Grupo Nove de Gastronomía)
DESCANSO 6:45 – 7:15
BLOQUE 2
7:15 – 7:55 Asemblea xeral anual de Divulgacción (Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica)
BLOQUE 3
8:00 – 9:30 Relatorio invitado «Comunicación y cultura científica en tiempos de crisis» por Juan Ignacio Pérez Iglesias, cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco.
http://divulgaccion.org/2012/04/04/encontro-anual-de-divulgaccion/
Publicado por El Ayán o 11.4.12 0 comentarios
Categorías: Arqueoloxía e sociedade