28/10/11

O máis estraño


E ti que vas ser de maior?
Arqueólogo, dixo el. Talvez. Lera un tratado e atraérao, máis que o propósito mesmo de atopar algo, o método. Era un traballo silencioso. Ese preámbulo de cuadricular un espazo e facer a escavación. Era un método que servía para todo tempo. Non só para as ruínas do pasado.


Manuel Rivas, Os libros arden mal

Estivemos antonte na presentación dos Contos reunidos de Manuel Rivas (Xerais) na Libraría Couceiro en Compostela. Rivas falounos da súa pretensión de esculpir o tempo. Ten escrito tamén que Galicia é ese lugar inzado de arqueólogos dun futuro abandonado. Nas súas reportaxes e novelas sempre aparece a Arqueoloxía coma unha metáfora do labor do escritor. Moitas veces emprega o símil da escavación arqueolóxica. Ten deixado para a posteridade páxinas fermosísimas sobre a exhumación dos represaliados nas foxas da guerra civil. Por que che inspira tanto a Arqueoloxía? fomos quen de preguntarlle. E alí abrollou de novo o talento literario deste escritor admirable: porque é unha maneira de tentar superar o límite do coñecible, do apreixable, do intelixible. Rivas firmou ducias de exemplares a leitores devotos de toda caste, idade e condición, firma acompañada por un debuxo demorado feito a partir da pingueira da pruma estilográfica. A tinta escoando polo papel recordoume aos tinteiros que aparecen nas trincheiras republicanas, aos tinteiros das escolas de indianos importados de Bos Aires ou de La Habana. Son estes tempos nos que neste país noso cómpre reencher eses tinteiros, algo que sea acada grazas a xente como Manuel Rivas.

Fotografía: El Mundo.

A situación actual do Patrimonio Galego


Estes días pasados celebráronse no Consello da Cultura Galega unhas xornadas de reflexión sobre a situación actual do Patrimonio Cultural de Galicia nuns intres no que se está a facer un borrador para unha nova Lei de Patrimonio que supere a de 1995. Entre o público convidado a tal efecto atopábanse esgrevios representantes da xeración formada polos mestres da Arqueoloxía galeguista (Bouza Brey, Taboada, Filgueira) e que desenvolveron o seu traballo no eido da Museística: Carlos García Martínez, Francisco Fariña, Xosé Carlos Sierra, Xosé Manuel González Reboredo, membros da alcumada nos anos 70 a Nova Arqueoloxía galega. Até aquí todo ben. Das novas xeracións de científicos sociais (antropólogos, etnógrafos, arqueólogos) non había apenas rastro neste simposio. Tampouco abondaban os profesionais de empresas privadas e técnicos de xestión do Patrimonio Cultural que coñecen ben a realidade. Estas xornadas de reflexión reflicten moi ben o modelo tradicional no que se baseou o sistema cultural galego dende hai décadas: un metadiscurso sostido por un núcleo de intelectuais emprazados en institucións de memoria con grande capital simbólico, aos que se acode cando se move ou se tenta mover algo. Que cómpre deseñar os contidos do Museo de Historia da Cidade da Cultura, pois se bota mao do comité de sabios, e así sucesivamente. Se en 1995 este modelo xa era caduco, en 2011 xa se pode maxinar un que a Galicia da globalización, a multiculturalidade e a crise non pode alicerzarse en conceptos como cultura espiritual-cultura material ou autenticidade, categorías decote empregadas nos escasos intres de debate destas xornadas.

21/10/11

Dombáter


Eu era pequeno. Debeu ser polo verao de 1985. Despois dunha copiosa comida campestre por terras de Soneira a miña familia decidiu ir ver o castelo de Vimianzo e mailo castro da Cidá de Borneiro. De volta, ao pondaliano de meu pai deulle por porfiar que quería ver o dolmen de Dombate. Foi pouco antes das primeiras escavacións arqueolóxicas científicas no monumento megalítico a fins dos oitenta que permitiron localizar as súas afamadas pinturas e os idoliños líticos no corredor.
Pero daquela, a anta remanecía orfa e silandeira entre os piñeiros, semellaba um mollón prehistórico en leiras de ninguén, en terras de ningures. Nunca esquencerei aquela imaxe. O paso do tempo quizabes mitifique a estampa, pero desde logo semelloume a vella arca unha mole pétrea soberbia e un bo lugar para mexar.
Non volvín a Dombáter até hai pouco, a piques de rematar a seca primavera de 2011. Vai unha calor abafante, nunha tardiña de San Xoán na que non corre nin unha pisca de aire. O coche deténse nun ermo de brea que vén sendo un enorme aparcadoiro, orfo entre as leiras inzadas de millo. Silenzo. Poderïamos estar nunha vila anónima de Arkansas á hora da sesta, pero non, estamos na zona cero do megalitismo galego, no dolmen de Dombate, propiedade da Deputación Provincial de A Coruña. A escenografía arquitectónica que ocupa este espazo desde marzo lembra eses mastodónticos e feos supermercados Lidl da Europa do Leste, a xeito de sartegos nucleares no medio da chaira loéssica. Semella unha nave nodriza extraterrestre degoldrada sobre a arca de Breogán. Xa chegaron os marcianos e tamén che son galegos, canta razón vos tiña Antón Reixa.
As escavacións arqueolóxicas desenvoltas nos últimos anos descubriron a existencia de estruturas vencelladas a un amplo asentamento neolítico, entre as que destaca unha grande gabia escavada no sustrato rochoso. Quizabes por manter ese aquel prehistórico pola segmentación espacial, o proxecto arquitectónico do actual Dombate conlevou o erguemento dese elemento tan característico do Patrimonio Arqueolóxico galego visitable: o valado, esa verxa que coa excusa de protexer o ben cultural serve para controlar aos de dentro e remarcar a diferenza entre os científicos/especialistas e a xente do común.

Antes, os proxectos arqueolóxicos eran doutra maneira. A Universidade de Santiago, na IIª República, da man de Sebastián González García Paz (exilado en 1936 a Porto Rico) levou a cabo escavacións arqueolóxicas no castro de Baroña e na cidá de Borneiro, veciña de Dombate. Nestas intervencións traballou como técnico Xaquín Lorenzo. Ademais de debuxar o plano do castro, de escavar e estudar os materiais, este mozo estudante limiao fixo un estudo detallado da arquitectura e as tradicións propias da parroquia de Borneiro, empregando como informadores aos veciños que traballaban como peóns escañando no vello castro. Pola súa vez, en Baroña encetou un pioneiro estudo sobre as embarcacións tradicionais de Porto de Son. Vemos como nestes anos de 1932 e 1933 estábase facendo en certa maneira Arqueoloxía Pública no Barbanza e na Terra de Soneira, grazas a unha actitude de convivencia e respecto entre a Arqueoloxía galeguista que se estaba a institucionalizar na Academia e a comunidade local, eses mineiros da Cidá que compuxeron coplas como:

Dailles gracias aos señores
por nos poñer no retrato:
vinte e dous traballadores
e iles dous, vinte e catro.

En Borneiro hai boas mozas,
en Vilaseco a flor de elas,
en Dombate son chorosas
e no Briño micaelas.

O que podemos decir
dentro de catro chavolas.
Que non atopamos mais
que uns anacos de cazolas.

Estas cantigas formaban parte dun novo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, no prelo na imprenta de Ánxel Casal en xullo de 1936. O golpe de Estado explica moitas cousas e de aí vén o complexo de autoafirmación gremial dos científicos sociais deste país, o control político, a xestión da información, a interesada separación entre ciencia e sociedade, todos eses prexuízos que fan que no século XXI a posta en valor do Patrimonio marxine a unhas comunidades locais que o único que poden facer e peregrinar en manada a visitar o Museo do Pobo Galego, o seu museo. Se Xaquín Lorenzo erguese a cabeza...
Ao cruzarmos a soleira adentrámonos no universo gris cemento, no formigón armado máis frío e inhumano que se poida maxinar. Dous seres humanos, a xeito de resistentes da lagarteira serie V, reciben ao visitante: o garda xurado e o guía, un arqueólogo indíxena con retranca da boa. Seguindo a vesánica tradición das deputacións provinciais, o complexo foi inaugurado xusto antes das eleccións... sen nada dentro. De pouco lle valeu ao ex-presidente da Deputación. Non renovou cargo. De nada lle valeu tampouco ao propio dolmen. Non hai persoal de limpeza, os aseos están coma o primeiro día, as paredes están orfas de información, agás unha temporeira exposición sobre o propio proxecto arquitectónico. Un exemplo magnífico de metadiscurso escenográfico postmoderno. O guía, Anxo, vate arcanxo de Dombate, guíanos entre a selva de herba cara ao monumento megalítico. Un gato amodorrado bota unha soneca á sombra da cristaleira que conforma a parede vítrea da nave nodriza. Aposta sobre seguro. Anxo cóntanos que os paxaros se despistan e acostumados como estataban a voar entre os ortostatos do dolmen non reparan na mampara cristalina e escachan os miolos sen remisión. O gato só ten que facer a ronda, coma un sereno, para manxar o menú do día. Unha magnífica integración entre espazo natural e patrimonio arqueolóxico, o que comunmente chamamos paisaxe cultural.
Dentro do OVNI a sorpresa non pode ser máis grande. O dolmen está tal cal quedou ao remataren as escavacións de hai vinte anos, cos perfis das cuadrículas, as gabias valorativas e o verdín comendo as pedras. A imaxe lembra á área de recepción dun gran hotel francés, con xardinería incorporada na ambientación de deseño.
Anxo relátanos os comentarios recorrentes duns turistas que pensan que o dolmen o trouxeron doutro lado para metelo aquí, as contradicións dun discurso arquitectónico que seica procura un diálogo entre o visitante e o monumento megalítico. Esta conversa, de existir, debe ser moi semellante á que mantén o gato cos cadavéricos estorniños que se estampan contra o OVNI (quizabes os OVNIs sexan os propios paxariños, quen sabe).
Alí mesmo, ao límite da combustión espontánea, enterámonos que esta cobertura millonaria resposta á necesidade de preservar as pinturas do dolmen, unhas liñas e ziguezagues que non son visibles para o público. Para compensar, os ideólogos deste búnker pretender facer unha réplica a escala real do monumento dentro da sala expositiva. Vendo tamaño despropósito, un prefire lembrar o Dombáter dos 80, e non custa maxinar ao petrucio dolmen exclamar, coma um artista de monólogos: Mexan por nós e dicimos que chove!

Publicado orixinalmente en Galicia Confidencial

Pena Furada


O proxecto arqueolóxico dirixido por Antón Malde na Pena Furada de Coirós é excepcional por moitos motivos. Cando o sistema cultural galego está desnortado polo recurte nas subvencións, temos aquí un investigador que desenvolve unha intervención as fins de semana coa axuda de entusiastas voluntarios, cidadáns de toda caste e condición. Doutra volta, coa colaboración de Manuel Gago (aos mandos da estratexia de comunicación)acada amosar en tempo real o avance desta limpeza en área dun máis que posible santuario da Idade do Ferro. A Pena Furada é hoxe un espazo revalorizado aberto a todo o país. Toda unha lección de Arqueoloxía Pública comprometida nestes tempos de debacle. Parabéns e grazas polo agarimo e interés co que recibides as visitas.

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/10/16/libro-de-visitas-de-pena-furada-xurxo-ayan/

Imaxe tomada de capítulo 0

14/10/11

Inauguración



Este 12 de outubro, festa nacional en Guinea Ecuatorial, o ditador Obiang aterrou na illa de Corisco para inaugurar o aeroporto internacional, unhas obras que coñecedes benos que seguides arqueoneixon. Para ver como funciona este rexime demencial guindamos aquí uns extractos da versión propagandística oficial:

El alcalde de Corisco dio la bienvenida a todos los presentes y recordó que el Presidente Obiang era el primer y único mandatario del país que había llegado hasta allí, porque ningún otro, ni durante la época de la colonia, ni durante el periodo de posterior dictadura, lo había hecho [o golpe de Estado deste fulano foi en 1979].
Por su parte, el responsable de la empresa Somagec –encargada de la construcción del proyecto- ambién habló del proyecto del nuevo puerto que próximamente se comenzará a construir y que servirá para recibir barcos de mercancías y deportivos. Será un puerto cuyo diseño respete el medio ambiente y la peculiar configuración que caracteriza a la isla, con su característica “estela” de arena. Por ello, esta infraestructura estará construida a 250 metros en el interior del mar y conectado por un puente sobre pilotes.
El Viceprimer Ministro Segundo Encargado del Sector Político y la Democracia y Ministro de Obras Públicas e Infraestructuras, Demetrio Elo Ndong Nsefumu, añadió datos sobre las nuevas infraestructuras de Corisco y recordó que todas ellas serían acometidas por el Gobierno con el fin de impulsar a la isla hacia un próspero futuro económico por medio del turismo; por eso, también mencionó que, junto con el aeropuerto y el puerto, se construirá un atractivo complejo turístico con bungalows de lujo. Asimismo, Demetrio Elo Ndong Nsefumu indicó que éste es un buen momento para que las iniciativas y los inversores privados presenten proyectos de este tipo.
Antes de que hablase el Presidente, tuvieron su turno los ancianos de la isla, quienes recordaron cómo, antaño, en las tierras del aeropuerto se cazaba y se pescaba y cómo esperaban que de nuevo estas tierras trajeran alimento a su pueblo, pero ahora por medio de una forma de vida actual. Los ancianos también mostraron su agradecimiento por la llegada a Corisco de todas estas innovadoras obras.
“Ya desde hace años, algunos turistas venían a Corisco arriesgando su vida en cayuco, lo que demuestra que es un lugar para el turismo”, dijo el Presidente, al inicio de su discurso ante la población de Corisco, a la que agradeció su masiva presencia.
Dirigiéndose a los corisqueños, el Presidente les invitó a realizar el cambio de mentalidad oportuno para recibir a todos los visitantes que llegarán a la isla. “Hacemos esto porque nos consideramos hijos de Corisco. Somos hijos de Corisco. Si ayer Corisco era un lugar olvidado, a partir de ahora será un lugar que frecuentarán todos los compatriotas de Guinea Ecuatorial”.

Oficina de Información y Prensa de Guinea Ecuatorial.
Fotografía de Fernando el Africano.

http://www.guineaecuatorialpress.com/noticia.php?id=1972#

13/10/11

Pasado incautado



A vila vella de Corbera d'Ebre foi destruída durante a guerra civil. Así quedou, coma unha lembranza material para as novas xeracións da trauma do conflicto. A vida detívose en 1938, co impacto das bombas, os derrubos dos muros, o sangue verquido nas rúas. Semella unha escenografía para un spaguetti western, un lugar no que se detivo o tempo, fosilizando até o presente accións humanas, xestos e mesmo palabras. Nesta vella portada case que medieval, aínda se rexistra arqueoloxicamente o peso do anarcosindicalismo de 1937 e 1938: Incautat C.N.T.

11/10/11

Os caídos



Rajoy leva anos defendendo a idea de que á xente non lle preocupa o pasado, que iso da memoria histérica é para pailáns que non queren progresar. Pois ben. A escasos meses das eleccións semella que un aspecto básico do seu programa eleitoral é reabrir o Valle de los Caídos para o goce dos patriotas súbditos do Rei das Españas.
O sangue verquido polos republicanos españois na construción dese tétrico mausoleo quixo ser camuflado en plena tecnocracia tardofranquista mediante o seu uso como osario dos caídos nos dous bandos. Esta estratexia materializaba a idea da traxedia da guerra civil coma unha tola e inevitable loita entre irmaos, coma un exemplo máis do espírito cainita dos españois. Na Fatarella recordan moi ben aquela campaña. Eduard ten sesenta e tantos anos; cando neno botaba ao rego os cranios e ósos humanos que medraban da terra, mentres a súa mai esbagoaba sen consolo. A outros raparigos non lles deixaba xogar nas leiras, nos terrados e nos eidos, e mentíanlles os pais dicindo que aqueles ósos eran de animais. Eduard lembra cando chegaron as brigadas de Madrid a comezos dos anos sesenta, abriron a saco os campos e encheron camións enteiros de anacos de esqueletos. Homes sen nome que pasaban a ser unha masa anónima, exército de terracota para acompañar ao máis alá ao ditador, no Valle de los Caídos.
Os labregos e as labregas da Fatarella e destas terras altas do Ebre souberon velar con dignidade os mortos nos campo de batalla. Durante dous, tres anos, os cadavres quedaban estrados nas trincheiras até que unha persoa decente guindaba cachotes de caliza para cubrir os corpos. Soldadiños de chumbo. Carne de canón. Como os soldados franquistas abatidos na contraofensiva final cuxos corpos eran esmagados polos seus propios tanques. O asasino Yagüe tiña moita présa por entrar en Barcelona.
Durante o franquismo, os veteranos do bando nacional inzaron a bisbarra de monolitos en homenaxe aos seus compañeiros, monumentos conmemorativos que se respectaron en Catalunya, malia a típica pintada grafiteira de turno. Aquí podemos ver o tributo en pedra ás brigadas navarras (requetés traizoados por Franco despois) ou mesmo o monolito ao Tercio de Monserrat, co seu texto en catalán. Fronte a trincheira que estamos escavando, outra pedra recorda a un panzerführer alemán abatido cando sobranceaba o seu tanque. A familia deste soldado nacionalsocialista acode cada ano a depositar un ramo de flores e renderlle homenaxe.
Durante corenta anos foi imposible facer este tipo de cousas cos caídos pola República. A chegada da democracia non acabou con esta actitude miserable. A iniciativa levada a cabo dende a Generalitat de crear unha rede de Espais de Memòria por toda Catalunya conlevou a apertura dun pequeno museo adicado aos brigadistas internacionais nesta vila de La Fatarella. Dentro podemos ver como se equiparan vidas e traxectorias, a bandeira nazi e maila republicana, como se tenta homoxeneizar o conflicto, igualando a mercenarios italianos, a comisarios políticos estalinistas, á Lexión Cóndor e aos voluntarios chegados de todo o mundo para defender as liberdades. Este patético discurso complementa o Memorial de Les Camposines, onde se gardan os restos daqueles soldados republicanos mortos na batalla do Ebre. O sitio sepulta con formigón armado a dignidade desa xente, vén sendo un tanatorio sen vontade ningunha de recuperar a historia persoal deses mortos. Unha copia barata do Valle de los Caídos. Ambas as dúas escenografías procuran o mesmo resultado: agochar o pasado e a realidade dese conflicto.
O caso de Charly, o esqueleto do soldado republicano exhumado por nós na trincheira de Raïmats, na serra da Fatarella, estes días pasados, é todo un exemplo deste modelo de xestión da memoria, un modelo cercano a aquela adicatoria firmada por Camilo José Cela introducindo o seu volume San Camilo 1936: “A los mozos del reemplazo del 37, todos perdedores de algo (...) Y no a los aventureros foráneos, fascistas y marxistas, que se hartaron de matar españoles como conejos y a quienes nadie había dado vela en nuestro propio entierro”. Para este Premio Nobel os brigadistas internacionais eran unos cursis seudoliterarios que vinieron hasta aquí­ para recibir estopa.
Si efectivamente, os arqueólogos coma nós reabrimos feridas do pasado. Charly, en efecto, recibiu moita estopa; e nós documentamos as feridas: ten a man dereita mutilada, a perna dereita fracturada, metralla en todo o costado dereito... O que é seguro é que Charly non morreu para que setenta e tres anos despois a extrema dereita española reabra o Valle de [algunos] de los Caídos, nunha España supostamente democrática.

Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial

10/10/11

Conferencia africanista


Este martes, 11 de outubro, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Ruy Llera Blanes (Universidade de Lisboa) impartirá a conferencia Patrimonialización Personal: Trayectorias Proféticas, Biografías y Conflictos de Memoria en África.
O obxectivo desta charla é reflexionar sobre procesos de patrimonialización persoal, a partires do estudo de caso dun movemento cristián profético en Angola. O argumento principal será unha descrición histórica de como unha traxectoria biográfica concreta dun líder relixioso angoleño (chamado Simão Gonçalves Toco) tense transformado, a través de procesos de memorialización, transmisión e conflicto, nun patrimonio público (relixioso, político, estatal) onde converxen dimensións ao tempo materiais, ideolóxicas e espirituais. O investigador falará, asemade, da súa experiencia antropolóxica de construción dunha etnografía de memorias proféticas en Angola e na diáspora angoleña.

http://lisboa.academia.edu/RuyLleraBlanes

Fotografía: oración tocoísta nalgures en Angola, circa 1972.

7/10/11

O Leigado Celta


Vía Xornal Certo enterámonos de que o vindeiro sábado 15 se vai presentar en Porto do Son o documental O Leigado Celta, unha produción de Explora Films en colaboración con TVE e a Canle Historia, dirixida por José Manuel Novoa. Nós temos participado como asesores na realización deste documental, e nel aparecen imaxes das escavacións desenvoltas polo noso equipo de traballo na Lanzada o ano pasado, dirixidas por Rafael Mª. Rodríguez Martínez (Deputación de Pontevedra).

http://certo.posterous.com/porto-do-son-presentan-el-legado-celta-o-venr
http://www.explorafilms.com/noticias.php?id=75

5/10/11

Si me quieres escribir, ya sabes mi paradero



Na ecavación arqueolóxica da trincheira republicana de Raïmats atopamos un tinteiro, unha peza moi común nas posicións dos leais, como sinala Alfredo, que leva escavado unhas cantas. Uha vez máis, esa combinación da espada e da pluma. A campaña de alfabetización levada a cabo dende 1931 proseguiu dentro do Exército Popular até a derrota de 1939. Intelectuais e artistas antifascistas, mestres, escolares aproveitaban o tempo libre na retagarda para ensinar a ler e escribir aos compañeiros que non sabían. Mesmo os brigadistas internacionais colaboraban nos traballos do campo cos labregos e participaban nestas labouras de formación. Na batalla do Ebro líase moito. Hai unha manchea de retratos colectivos de brigadistas con xornais en todos os idiomas, dende o árabe ao inglés pasando polo sueco. Pero tamén se escribía. Como esas últimas cartas enviadas á familia, expostas en memoriais e museos sobre a batalla do Ebre. Pingas de tinta sobre papel antes do último suspiro, antes de que as pingas de sangue enchoupen para sempre os ollos.

Con mi arado abro los surcos
con mi arado escribo yo
páginas sobre la tierra
de miseria y de sudor.

3/10/11

A xirafa


A estratexia de promoción turística da contorna de Puebla de Lillo baséase no turismo de temporada invernal e na divulgación dunha visión idílica e narcotizante da paisaxe natural desta zona ubicada nas estribacións dos Picos de Europa. Nesta liña instálase comodamente a Aula de Natureza e outras escenografías un chico máis grotescas coma o Museo de Fauna Salvaxe que recolle a colección dun furtivo particular grazas a subvencións públicas. O gracioso foi que cando xa estaba rematado o edificio tiveron que tirar o teito e facer unha nova pranta para que entrase o corpo disecado dunha xirafa. Paga Europa.
Tralo noso periplo por terras montesías marchamos ás terras do Ebre a pescudar a coñecida coma primeira batalla da Segunda Guerra Mundial. Chegamos a La Fatarella, unha fermosa vila que conserva a améndoa medieval, inzada de arcos oxivais e vellas casas que un día pertenceron á Orde do Temple. Emprazada perto de Gandesa, os seus mil habitantes viven do sector agropecuario. Estamos en plena vendima. O noso palista, Óscar, ten un aire a Silvester Stallone. Coa súa máquina ten exhumado unha manchea de restos da guerra civil ao habilitar terrados para viñedos e amendoeiras. De pequeno fartouse de xogar con granadas Lafitte até que un día o fulminante dunha delas deulle un bo susto. A nosa contraparte nestas terras é a Asociación Lo Riu, adicada á recuperación do Patrimonio arqueolóxico e histórico vencellado á batalla do Ebro.
A alma mater desta entidade é Joan, un soldador xubilado que ten loitado por preservar a memoria dos que morreron pola República nesa cartografía mítica da batalla do Ebro: as serras de Cavalls, Pándols e La Fatarella. Nesta última serra, inzada de aeroxeradores eólicos, comezamos a escavar unha trincheira republicana, nun outeiro que se convertiu no epicentro da retirada republicana trala derrota. Cincocentos homes escollidos para manter o combate corenta e oito horas, o tempo xusto para que pola ponte de Flix se replegasen ordeamente vinte e cinco mil compañeiros. Cincocentos heroes que foron aniquilados polos tabores de regulares, as brigadas navarras e os carlistas cataláns do Tercio de Monserrat, axudados pola aviación e os panzer da Lexión Cóndor. Os nacionais tiveron 220 baixas. Unha masacre.
Pau era un adolescente en 1938. El e outro compañeiro foron reclamados polos republicanos e puxéronos a escavar trincheiras na Fatarella. Moitos anos despois, el mesmo mercou algunhas leiras ocupadas polas gabias que el escañara de pequeno, e adicou moito tempo e esforzo a rechear con blocos de caliza o interior das trincheiras, cheas de cadavres. Traumas da infancia en guerra. A mai de Joan adicouse, coma outras familias na postguerra, a recoller casquillos, granadas e proxectís para vendela como ferralla. Seica ela fitaba con desconfianza este negocio porque pensaba que se voltaría empregar ese metal para fabricar nova munición que podería ser empregada nunha nova guerra contra eles, a xente do común.
Pola súa vez, Xavier é profesor da Universitat de Barcelona e experto en Didáctica do Patrimonio. Dirixe o equipo catalán que colabora connosco nas escavacións das trincheiras republicanas da Serra de la Fatarella. Cóntanos como a súa mai mantiña a lembranza dun feito que forma parte da memoria colectiva da xente do barrio emprazado ao sopé do zoolóxico de Barcelona. Nos últimos meses da guerra, cando os suministros fallaban e os avións alemáns e italianos bombardeban sen cesar a cidade condal, a fame era a negra. As familias do barrio decidiron entrar no parque da Ciutatdella. Botaron man da xirafa e dela comeron centos de persoas.
A visión predominante da guerra civil vixente na sociedade española é a que chantou a manobra propagandística franquista (da man dun xove Manuel Fraga) co gallo da celebración dos vintecinco anos de paz en 1964. Este enfoque pretende ollar o conflicto coma unha xirafa que albisca dende o alto o que acontece alá embaixo, como se non fose con ela. A imaxe cambia cando indagamos sota terra, com diuen en aquestes terres de l’Ebre.

Fotografía: bombardeo italiano sobre Barcelona durante a guerra civil. As bombas acabaron con homes, mulleres, nenos e tamén animais do Zoo da cidade.

Vidas que dejé cruzadas


O achádego de Charlie conlevou un notable impacto mediático, que quedou en nada se o comparamos coa polémica que seguiu co gallo da súa exhumación. Deixamos aquí un par de links para que saquedes a vosa opinión ao respecto. Para nós, é triste comprobar coma ao final o que menos importa é este individuo que deixou a súa vida entre amendoeiras e oliveiras, nutrindo o seu corpo a caliza dos terrados onde transcorren novas vidas. Como dicía Jacinto Antón, a guerra de Charlie non rematou aínda. Toda escavación arqueolóxica ten a súa banda sonora. A nosa estadía en La Fatarella lembra aqueles versos de Quique González:

Vidas que dejé cruzadas
Vienen encendiéndose
Vidas que dejé cruzadas
Vienen persiguiéndome

Fotografía: equipo de escavación de La Fatarella, no Casal do pobo, coa xente do Concello e de Lo Riu.

http://www.elpais.com/articulo/cataluna/Generalitat/queda/soldado/Ebro/equipo/elpepiespcat/20110930elpcat_10/Tes

http://www.elmundo.es/elmundo/2011/09/30/galicia/1317404752.html