14/4/11

Noraboa, doutor Kaal


Onte o noso compañeiro Joeri Kaal defendeu na Universidade de Santiago de Compostela a súa tese de doutoramento centrada na análise dos procesos de pirólese na área arqueolóxica de Campolameiro. Trátase dun estudo interdisciplinar que fornece unha grande cantidade de dados para trocar a nosa visión da paisaxe prehistórica galega, do modelo de ocupación do espazo das comunidades que crearon a arte rupestre das Idades do Bronce e do Ferro. Joeri é holandés e representa o último chanzo dunha curiosa conexión galego-neerlandesa. Nas nosas escavacións en Neixón escoitamos máis dunha vez falar á xente de Nine e Cespón dos holandeses que foran escavar con Acuña Castroviejo ao Castro Pequeno nos anos 70. O mesmo nos pasou na Lanzada o ano pasado, cando paisanos nos falaban de holandeses entre os arqueólogos que alí estiveron nos anos 70. A sospeita confimouse falando coa profesora de Xeoloxía da USC, Carlota García Paz, quen nos falou do grupo de investigación en xeoloxía galega establecido dene hai décadas na Universidade de Leiden. Entre 1955 e 1973 xeólogos estruturais e petrólogos desta Universidade fixeron os mapas xeolóxicos provinciais a escala 1:100.000. Sedimentólogos, paleontólogos e xeomorfólogos fixeron estudos intensivos na ría de Arousa e arredores recollidos en tesiñas de licenciatura e teses de doutoramento. Mesmo a revista Leidse Geologische Mededelingen recolle un monográfico sobre xeoloxía galega no tomo 37 (1966-1970). Esta colaboración entre a escola de Leiden liderada polo profesor Den Tex e o laboratorio Xeolóxico de Laxe débese ao labor inxente a prol deste país noso do galeguista Isidro Parga Pondal, membro do SEG, escavador do castro de Borneiro nos anos 30 e expulsado da USC en 1936.
No século XXI, dende Holanda, novamente, chegan novas perspectivas que concilian Arqueoloxía, Xeoloxía e Edafoloxía. De aquellos polvos viene estos lodos.

Fotografía de Antonio de la Peña: escavacións na Lanzada na segunda metade dos anos 70.

1 comentario:

ursus dijo...

Si señorrr, a xente de Laxe acorda ós holandeses vir falar e traballar con "Don Isidro".
Noraboa Joeri, e eu pensando que o teu nome era Yuri.