22/8/10

Vindeira charla lanzadeira

Burato ad infinitum



BOIRO La diputada provincial Caridad González visitó ayer el Centro Arqueolóxico y las excavaciones de Neixón, donde dijo que la Diputación es incapaz de financiar en solitario un proyecto tan importante e instó a las demás administraciones a colaborar más.

http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/caridad-gonzalez-reclama-apoyo-administraciones-neixon/idEdicion-2010-08-17/idNoticia-580170/

Por que é un despropósito a xestión do CAB? Porque o Concello de Boiro leva a cabo unha ampliación do Centro que destrúe o Patrimonio, desfai o campo da Romaría de Neixón e acomete unha obra para a que non ten cartos. Con todo o morro do mundo lle pide agora ás outras Administracións que se impliquen e colaboren neste despropósito, soltando a pasta que eles non teñen. A consecuencia é ter este burato durante anos en plena área arqueolóxica de Neixón a piques de declararse Ben de Interés Cultural.
Nesta foto é curioso comprobar como se fai o tramo de encofrado xusto no perfil no que aparece o foxo destruído pola obra. Patético.

17/8/10

Aríbalos corazones


Xa temos falado moito da política de damnatio memoriae levada a cabo polo suposto arqueólogo do CAB Víctor Barbeito Pose con respecto ao noso traballo entre 2003-2008. A súa demente actitude chega ao punto de comentar aos rapaces que escavan hoxendía en Neixón que o noso equipo traballaba sen proxecto, que non ten entregado ningún informe e memoria e que non hai unha soa publicación da nosa etapa sobre Neixón. Como comprenderedes, non paga a pena máis comentarios. Este fenómeno vén de facer unha guía sobre a área arqueolóxica de Neixón que se presentará os vindeiros días. Vendo o avance da reconstrución de Neixón no século III a. C. temémonos o pior. Todo este ridículo aderézase coa crenza de que todo o que dicimos nós sobre o comercio púnico en Neixón é mentira. Ide preparando os carrillos para escachar a rir nos vindeiros días.

12/8/10

Cabanas castrexas






O proceso de patrimonialización dos castros de Neixón por parte da comunidade local fornece exemplos moi interesantes. Xa coñecemos os casos do Bar O'Parapeto ou do Hotel Neixón. A cabana circular castrexa convertiuse nun referente icónico que foi aproveitado nos emblemas da Asociación de Veciños Neixón de Cespón e do Clube Atlético Neixón. Interesante foi o que aconteceu nun obradoiro de cerámica para nenos organizado pola antedita Asociación Neixón. Nesta actividade os rapaces motu propio decidiron facer casopas como as do Castro Pequeno de Neixón. Velaquí o resultado.

Fotografías: Asociación de Veciños Neixón de Cespón.

11/8/10

Limpeza histórica



Hoxe na Voz de Galicia edición Barbanza falásenos, nun ton encomiástico e apoloxético da limpeza histórica (sic) acometida na necrópole megalítica da Serra de Barbanza baixo a dirección de Víctor Barbeito Pose, arqueólogo do CAB coa axuda dos Amigos do CAB.
Dende 2003 a roza e limpeza dos castros de Neixón sempre foi unha loita co concello de Boiro, que demoraba o seu compromiso ano a ano. Aínda recordamos como algún ano o primeiro traballo cos voluntarios do campo de traballo internacional consistiu na roza do Castro Grande de Neixón, algo que tiña que facer o Concello como todo o mundo sabe. Algún outro ano a roza comezaba tres días antes da Romaría. Pero nunca pasou como neste ano 2010 onde os castros de Neixón amosaban unha imaxe selvática o día da Romaría. Isto si que é histórico. O que é surrealista é que o persoal do CAB, que debe xestionar os castros de Neixón, teña así estes xacementos e se embarque na limpeza e acondicionamento doutras áreas arqueolóxicas. Un despropósito máis, pero que se queda en nada se temos en conta a destrución provocada pola ampliación do CAB, unha acción da que falaremos aquí en breve con novos datos que amosan a ilegalidade desta brutal actuación.

9/8/10

4/8/10

Hotel rural Neixón







Unha idea comodín que se manexa na Xestión do Patrimonio Cultural é que os proxectos de posta en valor contribúen ao desenvolvemento local e á creación de recursos turísticos. As máis das veces este é un discurso baldeiro que non se materializa... pero hai excepcións. Para nós supón unha mistura de alegría e orgullo ver que o noso traballo feito en Neixón contribuiu modestamente a consolidar a área arqueolóxica como un referente identitario e un recurso patrimonial. Esta traxetoria animou a particulares a levar a cabo iniciativas como a recente apertura do Hotel Neixón. Este establecemento emprega o xacemento como reclamo e a Arqueoloxía como recurso icónico-visual e suministrador de contidos. Un sitio realmente aconsellable cunha envexable relación de calidade-prezo.

http://www.ruralneixon.com/

A Romaría


Un ano máis achegarémonos á Romaría de Neixón, o evento clave para comprender o que significa no presente a área arqueolóxica dos castros de Neixón. A pesar da desfeita promovida polo Concello de Boiro no campo da festa, a xente de Cespón segue desfrutando deste espazo simbólico, contra vento e marea.

2/8/10

Neixón no futuro?





O futuro de Neixón albíscase moi negro. Unha visita ao sitio arqueolóxico chega para decatarse do seu estado de abandono, da xestión trabucada que se está a levar a cabo, do sinsentido dunhas decisións que destrozan o contorno e botan ao lixo anos de traballo de concienciación cara á Arqueoloxía e o Patrimonio. Menos mal que nos queda a Romaría deste domingo.

Neixón- Lanzada










Este venres ao serán demos unha charla introdutoria sobre o proxecto d'A Lanzada no local social da Asociación de veciños Neixón de Cespón que se achegaron onte á mañá ás nosas escavacións arqueolóxicas no castro d'A Lanzada. Deste xeito puideron ver as semellanzas e diferenzas entre dous sitios arqueolóxicos que están a mudar a nosa visión sobre a Protohistoria e a Antigüidade de Galicia. Unha actividade xurdida dende abaixo, organizada por unha comunidade local concienciada polo Patrimonio Cultural.

Zafiedade





Os seguidores e seguidoras de Arqueoneixon lembraredes a denuncia que puxemos en Patrimonio hai tempo pola destrución causada pola ampliación do CAB. Por suposto, a Administración debeu aplicar ese concepto marabilloso do silenzo administrativo e ninguén respostou até o momento. Entrementres, xa vedes como se segue abandonando o sitio arqueolóxico e como se acometen infamias como a de poñer esa parede de cemento xusto no perfil no que se documenta o foxo castrexo destruído pola obra. No hotel Neixón recén aberto, puidemos escoitar unha conversa que o resume todo entre un paisano romeiro de Neixón e un adláter do Concello de Boiro:
Adláter: e xa queda pouco para a Romaría non?
Paisano: cala cala que este ano é un fracaso, pola merda esa que fixeron que fodeu todo o campo, non podían tela feito para outro lado mecagho en?
Adláter: problemas de licencias, pero hai que pensar en positivo, é unha obra necesaria e non se iba ter a xente traballando no verán en plena romaría, mellor foi paralizar todo para seguir despois, hai que pensar en positivo
Paisano: nin pensar en positivo nin ostias, que isto non se fai, nunca tal pasou.
En agosto de 2010 Neixón nunca foi tan monte, e nunca existiu unha distancia tan grande, un conflicto tan innecesario entre Arqueoloxía e comunidade local, todo gracias ao Concello de Boiro e o suposto arqueólogo do CAB uns fenómenos na destrución do Patrimonio e no ninguneo da xente do pobo.

Neixón: agosto de 2010







Hoxe seica comezan unhas novas escavacións arqueolóxicas nos castros de Neixón. O estado desta área arqueolóxica onte resúmese na secuencia fotográfica que aquí recollemos. Os xestores deste sitio acadaron reconvertir isto nun monte, cun cabalo pacendo no Castro Grande, cos paneis explicativos, xa non deteriorados, senón a piques de desaparecer. A vexetación selvática cobre o xacemento, a gabia surrealista do ano pasado segue ao carón do altar como se se quixese afear de novo a cerimonia por segundo ano consecutivo. Pasear esta fin de semana pasada polos Castros de Neixón dá moita pena porque semellan estar totalmente abandonados. O Centro Arqueolóxico estivo pechado os tres días (seica o persoal marchou a Mérida, unha excusa boa para pechar toda a fin de semana)e a destrución provocada pola innecesaria ampliación complementouse cun encofrado de cemento. Este é o tristeiro panorama a sete días da Romaría de Neixón, no mes de meirande afluencia turística a Boiro. Lamentable.