4/2/10

As actas escuras


No Salón Teatro de Compostela podedes ver até o 7 de febreiro a obra de Roberto Vidal Bolaño As actas escuras representada polo Centro Dramático Galego. Gañadora en 1992 do Premio Xacobeo de Textos Teatrais nunca fora representada nin publicada oficialmente malia que así parecía consignado nas bases do premio antedito. Unha vez a vexades comprenderedes doadamente por que tal ocurriu en pleno fraguismo. As Actas escuras ambienta de xeito soberbio a Compostela do cardeal Payá e o momento no que se redescobren os restos do Apóstolo. Unha lección xenial sobre a relación entre política, poder, relixión e ciencia. O mozo krausista Casiano representa á ciencia histórica española nun momento no que acadaba institucionalizarse academicamente. Os debates entre este personaxe e o coengo López Ferreiro fálannos da Arqueoloxía anticuarista pero tamén do tradicionalismo do Cabido compostelán da época. O conflicto entre Fe e Razón, entre relixión e ciencia é maxistralmente posto en escena polo xenio dramático do malogrado Vidal Bolaño. Paga a pena ir ao teatro.

Tres últimas funcións. Venres 5 e sábado 6 ás 20.30 h; domingo 7 ás 18.00 h
http://www.centrodramatico.org/cdg/

No hay comentarios: