22/1/10

E para comer, Lugo


Para evitar o risco de fosilizar a comunidade de Bowla coma unha manifestación prístina da forma gumuz de estar no mundo, decidimos ampliar a zona de traballo e contrastar esta realidade coa doutras comunidades gumuz emprazadas a bastantes kilómetros de distancia, nun contexto de convivencia e contacto cultural con outros grupos. O reasentamento de Lugo en Kamashi serve para expor unha materialidade bastante diferente. Este grande poboado conta cunha clínica e un notable centro escolar ao que se desprazan durante o curso nenos procedentes da zona de Metekel. O cultivo e comercialización de sésamo supón unha rendible actividade económica para numerosas familias gumuz que teñen incrementado os seus ingresos e, polo tanto, o seu status socioeconómico. Ao seren propietaros da terra contratan como temporeiros a individuos e familias amhara, algo impensable noutros contextos e áreas xeográficas.
Lugo intégrase no mercado nacional (camións trasladan o sésamo a Addis Ababa e de allí expórtase a outras países); a actividade económica explica a presenza de tendas e pequenos negocios adoptando o asentamento unha fisonomía non moi alonxada das vilas de estrada. O incremento do status socioeconómico de moitas familias gumuz ten sido o factor fundamental para comprendermos a fisonomía do espazo doméstico.

Fotografía: murais feitos por escolares no colexio de Lugo. Febreiro de 2009.

No hay comentarios: