29/9/09

A Nosa Cinza


O noso equipo non só traballou na área arqueolóxica dos castros de Neixón ao longo dos últimos anos, senón que nunca perdeu de vista o seu contexto social, económico e simbólico: a parroquia de San Vicenzo de Cespón. O noso vencello con esta realidade fai que sintamos como propio o que lle acontece á comunidade local desta pequena república independente. Dende Arqueoneixon queriamos transmitir publicamente a nosa solidariedade aos afectados (propietarios, veciños e traballadores) polo incendio da nave de Chicolino en terras cesponcenses. Se a arqueoloxía nos ensina algo é que as xentes do pasado sempre renaceron das cinzas que documentamos en moitas ocasións nas nosas escavacións arqueolóxicas. Por esa vontade de mirar ao futuro, por eses anceios de esperanza, existe o devalar histórico. Non cabe dúbida que esa empresa renacerá das súas cinsas coma o Ave Fénix, coma tódalas empresas da Ría de Arousa que están a pasar serios problemas nestes tempos de crise.

Wine High Tech


Vendima na ribeira do Eivedo, na parroquia de Vilachá, no canón do Sil, fronte á empoleirada aldea de Torbeo. Entre a néboa, ao romper o día, un desfruta da tradicional arquitectura dos casetos, dos bancais e dos pataos. Aquí a tecnoloxía moderna ten un valor relativo. Non hai cobertura, pero temos teléfono fixo. Non se colle a Sexta nin hai TDT, pero si temos televisión. Arquitecturas, escenografías, perfomances. Toda unha metáfora dos fracasos e reinterpretacións rurais da Modernidade.

Punicada



No apartado de produción científica tedes en formato PDF un resumo da comunicación que imos presentar mañá no Congreso de Sevilla baixo o título: Buscando a los púnicos en el Noroeste.

Fotografía: anaco de aryballos documentado no Castro Grande en 2007 (Yolanda Porto, LAPA, CSIC).

25/9/09

Machu Pichu


Panorámica arqueolóxica (na forma e no fondo) da paisaxe de Machu Pichu. A xentiña da dereita seica son newagers australianos invocando a non sei cantas forzas telúricas, ctónicas, etc... Nada que envexar ao castro de Baroña ou á concentración de newagers en Ribeira polo solsticio de verán.

Caderno de campo de Felipe Criado (LAPA, CSIC)

23/9/09

Santiago 1909


Até o 18 de outubro podedes visitar a exposición que conmemora o centenario da Exposición Rexional Galega de 1909 no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela. A Arqueoloxía decimonónica anticuarista estivera presente nesa exhibición. O coengo da catedral de Santiago, o carlista acérrimo López Ferreiro, deixara escrito en Arqueología Sagrada (obra de leitura obrigada nos Seminarios de toda España):

Arqueología es aquella rama de la Historia, que estudia, examina y describe los antiguos productos no sólo de las Bellas Artes propiamente dichas, sino también los de la Industria en lo que puedan tener de artístico. Así, por más que el objeto primario de la Arqueología sean las obras arquitectónicas, esculturales, pictóricas y musicales, que son las que pertencen a las Artes antonomásticamente llamadas Bellas, caen, sin embargo, también dentro de su esfera, los productos de la Glíptica, del Mobiliario, de la Indumentaria, de la Numismática, de la Paleografía, de la Epigrafía, y de la Heráldica.

Este enfoque foi o que aplicou López Ferreiro como responsable da Sección Arqueológica da Exposición regional de Santiago de Compostela, da que se celebran agora 100 anos. Grazas á colaboración con outros tradicionalistas católicos como Blanco Cicerón, quen contaba coa meirande colección privada existente no país, os composteláns e as compostelás da época puideron ver pezas arqueolóxicas procedentes de toda Galicia.

17/9/09

Casas revividas


As recreacións arquitectónicas de casas castrexas é unha das estratexias de posta en valor de xacementos máis extendidas no NW durante os últimos 15 anos. Destacan sobre todo as unidades domésticas erguidas in situ no norde de Portugal en Sanfins (Paços de Ferreira), San Lourenço (Esposende) e Cossourado (Paredes de Coura). En Galicia contabamos co precedente do castro de Elviña na década de 1950 e coas dúas cabanas de Santa Trega (finais dos sesenta e comezos dos 70). A cabana reconstruída no interior do Centro Arqueolóxico de Barbanza tamén resposta a esta dinámica. Malia un fato de proxectos de parques arqueolóxicos nunca encetados, esta recreación do castro de Vigo (da man Terra Arqueos, S.L.) vai ser a primeira levada á práctica nun xacemento arqueolóxico visitable. A polémica e o debate está servido sobre as solucións adoptadas.
Sobre a cuestión das recreacións arquitectónicas en castros podedes ver un vello traballo noso (páxinas 52-74) en http://www-gtarpa.usc.es/descarga/CapaTapa/TAPA/TAPA23.pdf

Plan E


O Goberno de España tenta impulsar a economía e modificar o modelo produtivo, modificando a dependencia do sector do ladrillo e a construción, apoiando ás innovacións tecnolóxicas, o I+D+I, etc... O plan E para rescatar a economía, en teoría, móvese nestas coordenadas estratéxicas. Finalmente, paradoxos da vida, bótase man da construción ex novo dun barrio castrexo no castro de Vigo, para promocionar o emprego e o Turismo Cultural.

15/9/09

Almacenando


Vén de saír do prelo o volume de Actas do Congreso sobre Sistemas de almacenamento entre los pueblos prerromanos peninsulares organizado pola Universidade de Castilla-La Mancha en novembro de 2007. A nosa ponencia, ampliada e con meirande aparato gráfico podedes consultala no apartado de producción científica no PDF titulado Ciudad Real. A referencia da versión publicada é como segue:

Parcero Oubiña, C. e Ayán Vila, X. M. 2009. Almacenamiento, unidades domésticas y comunidades en el noroeste hispánico. En R. García e D. Rodríguez (eds.): Sistemas de almacenamiento entre los pueblos prerromanos peninsulares. Colección Humanidades, 103: 367-422. Cuenca: Universidad de Castilla-La Mancha.

Neste traballo encetamos unha visión diacrónica do proceso cara á división social experimentado polas comunidades do NW dende o Bronce Final deica a romanización, partindo das evidencias arqueolóxicas (ausencias e presencias) sobre a acumulación de excedentes agrarios. O Castro Grande de Neixón é un dos xacementos abordados no traballo.

11/9/09

Procurando aos púnicos no NW


Os castros de Neixón é unha desas áreas arqueolóxicas que está a ser protagonista dunha fonda revisión das dinámicas históricas que aconteceron ao longo da 2ª Idade do Ferro no NW peninsular. O rexistro exhumado no Castro Grande abre interesantes camiños para a investigación sobre as relacións co mundo cartaxinés, xunto con outros xacementos como Montealegre (Moaña, Pontevedra), A Lanzada (O Grove, Pontevedra) ou Alobre (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra). De todo isto falaremos Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC), Rafael Mª. Rodríguez Martínez (Excma. Deputación de Pontevedra) e Xurxo M. Ayán Vila (LAPA, CSIC)no vindeiro VI Coloquio Internacional del Centro de Estudios Fenicios y Púnicos (Sevilla, 30 de setembro, 1- de outubro e 2009) cunha comunicación titulada Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y el Norte de Portugal durante la Edad del Hierro. Coma sempre contaredes cunha versión PDF da ponencia no apartado de producción científica.

Programa do Coloquio en www.cefyp.blogspot.com

8/9/09

A Retorta tortuosa



Na arqueoloxía galega existe a coña esa de que non hai arqueólogo ou arqueóloga deste país que non atopara un petróglifo e que non o publicase nun artigo típico de achádego en tal sitio. Aconsellámosvos que vaiades ver a pedra da Retorta, nun serán coa fermosa luz fuxidía de setembro. Algúns pensaredes que é unha formación alveolar (o que non explica a presenza dos sucos na parede vertical da rocha); outros verán aquí unha proba máis dos rituais de investidura céltica; aqueloutros aproveitarán para fumaren un canuto ou parolar do pouco científica que é a Arqueoloxía.

Petróglifos na paisaxe


Pena Lobeira, os Guidoiros, a illa de Arousa, illotes, Sálvora, mar. O emprazamento desta rocha gravada é toda unha metáfora material do mar de Arousa. Unha explanada rochosa desfeita pola maré atópase ao sopé; restos dun muro semellan cinguir o espazo anexo da rocha.

A Retorta


O litoral do Mar de Arousa foi apropiado simbolicamente polas comunidades que aquí viviron dende a Prehistoria Recente. Pequenos santuarios, gravados rupestres en zonas de tránsito, controlando visualmente áreas de paso, límites, embarcadoiros e rutas marítimas. Toda unha paisaxe cultural. Ricardo, home de mar, levounos á Retorta, este curruncho preto da praia de Carragueiros. Esta pedra chama a atención. Nin el nin nós cremos que se deba á acción da erosión eólica ou marítima. Non hai outra coma ela na contorna. Un claro motivo podomorfo completa o espectacular cadro.

7/9/09

Living History


Poderiamos falar moito destas recreacións medievais que proliferan como zarrotas; no mesmo día contamos cunha Feira do Románico (sic) en Negreira, con outra festa xudea en Monforte de Lemos, coa Feira Franca en Pontevedra... A fórmula funciona se existe vontade política, seriedade e unha implicación real da comunidade local. En Ponte Vetera danse estas variables, supoñemos que polo traballo apaixonado de moitas persoas. Agora o Museo non é unha institución de eruditos que conservan o legado dos antergos, a única fonte do coñecemento para ter un contacto físico co pasado. Implicado na festa, o Museo dá paso á propia xente no espazo público da cidade, desfrutando da historia medieval da vila na propia vila.

Feira Franca



Quen coñeza a Pontevedra da década de 1990 e a actual darase de conta de que algo bo se ten feito co fermoso casco histórico da Boa Vila. A Feira Franca é un bo exemplo de como o pasado, o Patrimonio e a Arqueoloxía conviven para revitalizar unha cidade contando coa participación de toda a comunidade.

Alambique (legal) ao carón das escavacións da muralla no Campillo de Santa María

4/9/09

Milladoiros


No castro de Baroña pasan cousas. Na primeira visita guiada que fixemos na primavera de 2001 no marco da actividade Espazos Naturais da Xunta de Galicia topamos cun fulano masturbándose no extremo do curuto superior do poboado, ollando extasiado a posta do sol. Todo moi druídico. Baixando, nunha fenda entre as rochas, alguén deixara como ofrenda un opúsculo de Escrivá de Balaguer. Cousas do genius loci. Alguén me comentaba o outro día as moreas de pedra a xeito de milladoiro das que se fai eco a prensa hoxe.

http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/denuncian-destrozos-en-los-castros-de-barona/idEdicion-2009-09-04/idNoticia-464001/

Este hecho fue realizado probablemente durante el fin de semana por unas personas que han vulnerado la Ley de Patrimonio de Galicia, que impide un uso inadecuado de la arqueología.

Obviamente, este fenómeno vai maís alá da doada e interesada versión do vandalismo, o gamberrismo e a falla de concienciación patrimonial da sociedade, como nos gusta sinalar aos arqueólogos e arqueólogas. Performances na postal turística de Galicia.

3/9/09

Un terremoto e un melón


Archaeotecture. Second Floor recolle outra aportación feita dende a innovadora Arqueoloxía da Arquitectura desenvolta dende Galicia. Referímonos ao traballo de Rebeca Blanco (LAPA, CSIC) e Begoña Fernández (USC) sobre o mosteiro cisterciense de Melón n'O Ribeiro. Unha achega interdisciplinar e a aplicación da análise estratigráfica de Paramentos permite ás autoras reconstruír a vida do edificio e documentar o impacto arqueolóxico provocado polo terremoto de Lisboa (1755). A Arqueoloxía da Arquitectura demostrou que a decadencia e ruína do edificio non foi consecuencia da Desamortización no s. XIX, senón do terremoto lisboeta. O seísmo xerou unha afección estructural que nunca puido ser compensada malia os reforzos e apaños documentados na segunda metade do s. XVIII. Sobre o mesmo tema e xurdido do mesmo proxecto podedes consultar:

Fernández Rodríguez, B. 2004: La necesidad de rescatar la memoria. Las catástrofes naturales y sus fuentes como valores de recuperación de nuestro patrimonio cultural. Boletín Auriense, 34: 97-136. Ourense


Figura: alzado E do mosteiro de Melón con fases construtivas. Caderno de campo de Rebeca Blanco.

O castelo da Rocha


No volume antedito contamos cun notable traballo de investigación do medievalista Xosé Manoel Sánchez (investigador do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago) centrado na contextualización en clave europea do programa arquitectónico que deu lugar á fortaleza arcebispal da Rocha Forte. As súas fundamentadas hipóteses de traballo supoñen un avance notable no coñecemento dun castelo que, malia ser un dos recursos patrimoniais máis senlleiros e espectaculares de Compostela, remanece á marxe da sociedade. Cousas da Arqueoloxía erudita.

http://archivium-sancti-iacobi.blogspot.com

1/9/09

Archaeotecture: Second Floor


Vén de saír do prelo unha monografía con varios traballos de investigación elaborados por membros do equipo arqueolóxico dos castros de Neixón. De entre eles podedes baixarvos en PDF no apartado de producción científica dous artigos sobre temáticas tratadas en Arqueoneixon:

Ayán Vila, X. M. 2009. Landscape, Material Culture and Social Process along galician Iron Age: the Architecture of Castros de Neixón (Galicia, Spain). En Ayán, X., Mañana, P. and Blanco, R. (eds.): Archaeotecture: Second Floor: 33-40. British Archaeological Reports International Series 1971. Oxford: Archaeopress.

González Ruibal, A.; Ayán Vila, X. M. and Falquina Aparicio, Á. 2009. Deep-mapping the gumuz house. En Ayán, X., Mañana, P. and Blanco, R. (eds.): Archaeotecture: Second Floor: 79-96. British Archaeological Reports International Series 1971. Oxford: Archaeopress.