25/6/09

O Forno dos Mouros


Mentres o equipo do noso compañeiro Roberto Aboal intervén en Forno dos Mouros (Toques, A Coruña) nós imos facer unhas gabias valorativas no camiño real no contexto do control e seguimento da ampliación do parque eólico de Codesas. Pasamos parte da mañá cun veciño que manteremos no anonimato. Mans curtidas, tabaco de lear, boina aburatada, pantalóns petrucios.

Anduveran escarabellando xa hai anos aí nas madorras esas, que seica dicían que había soterrada xente, pero que carallo!, eu levo toda a vida aquí e non recordo a enterrar ninghún veciño aí, iso serán cousas de antes, dos mouros. Tamén pola Pena Moura, no Forno dos Mouros, mecagho en crista!, iso valor non ten valor ningún, cousas de antes que non valen nin unha peseta. A Pena da Moura e a cona que a botou! Máis para adiante está a Virxe das Pías que houbo facer un milagre; un fulano de Santiago que alí foi coas muletas e xa saiu sen elas, manda carallo. Hai que crer en algo, que eu dos curas nada, pero ter unha santiña avoghosa que tire por un cando fagha falta... eu perdín a señora hai tres anos polo cáncere, o bicho ise que cando lle dá por brincar fai un dano tremendo. E acolá no cumio onde están os muíños está o Coto do Pilar que había unha capela porque dera a santa en ir para alá, como o San Cibre pola parte dalá, pero xa che digho que o das madorras esas non valen para nada... e hai que crer en algo, para non ser coma os gitanos, salvajes. Pois eu son da quinta do 51 e fixen a mili en Zaragoza e agora, xa ves traballando toda a vida para que me malpaghasen e agora que non traballo cobro como nunca... O monte é dos veciños, sabe?

Fotografía: detalle das pinturas dentro da cámara megalítica de Forno dos Mouros (Toques, A Coruña) Laboratorio de Patrimonio (IEGPS - CSIC).

2 comentarios:

Iván dijo...

Sen desperdicio...

lorcho dijo...

Totalmente.