30/6/09

Ruínas


A paisaxe do wolfram acolleu a Modernidade nun tempo curto, todo un flash na Galiza rural e mariñeira. Encetaremos un estudo comparativo entre o Barbanza, Tras-os-Montes, Valdeorras eo Bierzo para acadar unha visión de conxunto do que conlevou a explotación sistemática deste mineral na economía, na cultura material e nas conciencias.

Fotografía: Detalle do complexo mineiro de San Finx en Lousame (fotografía de Leonardo González).

29/6/09

Arousa, anos 40

O noso proxecto esculca un período abraiante da historia do Barbanza e da ría de Arousa, que unicamente foi estudado dende o punto de vista cuantitativo, da Historia económica, das grandes cifras. Pretendemos amosar outro relato sobre ese pasado, un pasado enchido de resistencia, de represión, de explotación, de anceios, esperanzas e oportunidades, un pasado protagonizado por persoas subsumidas en procesos globais como a 2ª Guerra Mundial. Antes do conflicto a Armada alemá acougaba na Pobra do Caramiñal, en Boiro, mentres os británicos desfogaban en Vilagarcía de Arousa. A partir de 1939 o franquismo nacionaliza as minas, bota fóra o capital inglés e serve en bandexa o wolfram aos nazis. Esta fotografía inédita amosa a potencialidade da investtigación etnoarqueolóxica sobre o wolfram en Barbanza. Forma parte do arquivo familiar de Jorge García García e foi tirada no porto de Vilagarcía a comezos dos anos 40.

26/6/09

Wolfram's project


Unha reportaxe de Tamara Peña no xornal Certo http://certo.es/index.php?page=os_nazis_na_galiza dá a coñecer en primicia o novo proxecto de I+D+I no que andamos embarcados varios investigadores do equipo arqueolóxico dos castros de Neixón: Investigación etnoarqueolóxica da industria do wolframio na comarca do Barbanza, subvencionado pola Dirección Xeral de Investigación e que presentaremos en Santiago de Compostela a semana que vén. Este proxecto interdisciplinar xurde do traballo realizado por nós nos últimos anos a escala local nos castros de Neixón e na parroquia de Cespón e está codirixido por Leonardo González (Alicerce S. L.) e Xurxo Ayán (Laboratorio de Patrimonio, IEGPS - CSIC). Este proxecto permítenos traballar con continuidade a escala de todo Barbanza e dar a coñecer unha investigación cunha notable proxección internacional e que vai dar que falar, como veredes nos seguintes posts. Gustamos tanto de Neixón e de Barbanza que costa Deus e axuda botarnos de aquí. Coma sempre tentaremos construír coñecemento novo practicando unha arqueoloxía democrática que conte coa comunidade local. Toda unha receita para tempos de crise.
Fotografía: mulleres recollendo wolfram nunha praia de Barbanza, comezos da década de 1940.

25/6/09

O Forno dos Mouros


Mentres o equipo do noso compañeiro Roberto Aboal intervén en Forno dos Mouros (Toques, A Coruña) nós imos facer unhas gabias valorativas no camiño real no contexto do control e seguimento da ampliación do parque eólico de Codesas. Pasamos parte da mañá cun veciño que manteremos no anonimato. Mans curtidas, tabaco de lear, boina aburatada, pantalóns petrucios.

Anduveran escarabellando xa hai anos aí nas madorras esas, que seica dicían que había soterrada xente, pero que carallo!, eu levo toda a vida aquí e non recordo a enterrar ninghún veciño aí, iso serán cousas de antes, dos mouros. Tamén pola Pena Moura, no Forno dos Mouros, mecagho en crista!, iso valor non ten valor ningún, cousas de antes que non valen nin unha peseta. A Pena da Moura e a cona que a botou! Máis para adiante está a Virxe das Pías que houbo facer un milagre; un fulano de Santiago que alí foi coas muletas e xa saiu sen elas, manda carallo. Hai que crer en algo, que eu dos curas nada, pero ter unha santiña avoghosa que tire por un cando fagha falta... eu perdín a señora hai tres anos polo cáncere, o bicho ise que cando lle dá por brincar fai un dano tremendo. E acolá no cumio onde están os muíños está o Coto do Pilar que había unha capela porque dera a santa en ir para alá, como o San Cibre pola parte dalá, pero xa che digho que o das madorras esas non valen para nada... e hai que crer en algo, para non ser coma os gitanos, salvajes. Pois eu son da quinta do 51 e fixen a mili en Zaragoza e agora, xa ves traballando toda a vida para que me malpaghasen e agora que non traballo cobro como nunca... O monte é dos veciños, sabe?

Fotografía: detalle das pinturas dentro da cámara megalítica de Forno dos Mouros (Toques, A Coruña) Laboratorio de Patrimonio (IEGPS - CSIC).

Arquitectura fascista


Tamén topamos en Sobrado coa arquitectura doméstica promocionada polo nacionalcatolicismo, unha imitación da arquitectura fascista italiana nas colonias agrarias de Sicilia ou Etiopía, por poñermos dous exemplos. Casas modernas para tempos premodernos. Un fenómeno curioso que estamos estudando e que se constata a escala de todo o país é a febre construtiva que se dá entre 1953-1955 por parte dos Ministerios controlados aínda pola Falanxe. A abolición do estado de guerra, a superación dos anos da fame, os pactos cos USA pero tamén a sospeita do cambio político que se consumaba dentro do Rexime (sustitución de falanxistas por tecnócratas vencellados ao Opus Dei) axudan a explicar a cronoloxía desta campaña propagandística materializada a través da arquitectura de casas, fontes e lavadoiros.

24/6/09

Mollóns da Modernidade


En Sobrado topamos na lindeira dun lameiro cun acobillo de mollóns de estrada e de liña de ferrocarril, pezas de cantería que noutros países civilizados son considerados parte do Patrimonio arqueolóxico. Existe toda unha apropiación de cultura material promocionada polo Estado na Galicia rural, dende pezas das vías empregadas en bocas de fornos de coce-lo pan, até sillares de pontes do ferrocarril, lumieiras das casas dos peones camineros ou pezas de vidro das torres de FENOSA. Arqueoloxía do pasado contemporáneo.

Xeada


En Sobrado dos Monxes un dubida xa se investiga sobre a Idade do Ferro ou sobre a Idade do Xeo. Cousas do cambio climático e da romanización emanada do cercano acampamento de Cidadela.

23/6/09

San Xoán


A xente que queira vivir un San Xoán fóra do normal podería achegarse este serán ao castro de Castrolandín en Cuntis onde en 2001 se recuperou a vella tradición do castelo de San Xoán da man da Fundación Terra Termarum Castrolandín. Festividade, comunidade local e Patrimonio arqueolóxico dánse a man nun espazo que, como Neixón, é un espazo social vivo. As vellas casas dos cuntenos comparten protagonismo cos fachos acesos coroando a muralla. Todo un espectáculo. Para saberdes máis sobre esta tradición e o que supón Castrolnadín podedes consultar o noso traballo en http://www-gtarpa.usc.es/descarga/CapaTapa/Tapa/TAPA29.pdf

17/6/09

Xornadas de Dinamización do Patrimonio Cultural

Veñen de presentarse as Xornadas de Dinamización do Patrimonio Cultural 09 de Vimianzo no que se proxectará o documental O'Neixón: historia viva dun castro. Unha nova oportunidade para aqueles boirenses interesados que aínda non puideron ver este produto na súa casa grazas ao bo facer do Concello de Boiro. Mentres festivais, institutos, asociacións e concellos de toda Galicia se interesan polo documental para proxectalo (Serra de Outes, Cuntis, Marín, Celanova, Vimianzo, etc...) a cutre damnatio memoriae promocionada polos nosos malos-malísimos amigos boirenses fai que sexa descoñecido este produto de divulgación e promoción do propio Concello de Boiro. Paradoxos do destino. Si, é certo, no Centro Arqueolóxico de Barbanza non se atopa a disposición do público nin a segunda monografía de Neixón nin o documental; xa se sabe que ámbolosdous se refiren a un xacemento que se atopa a milleiros de kilómetros de distancia. Ademais, aos milleiros de visitantes non se lles perde nada informándose ou querendo saber sobre os castros de Neixón. Que vai ser isto da Arqueoloxía pública, deus nos libre. Todo un modelo a seguir na xestión do Patrimonio. Ben feito, si señor.

15/6/09

La Habana 1924


Blanca González del Blanco conserva o legado de seu pai como ouro en pano. O que hoxe chamariamos un book compila todos os recortes de xornal que remiten á vida e obra de Roberto entre 1907 e 1957. Unha xoia que resume toda a primeira metade do século XX. A páxina que reproducimos recolle o impacto mediático da súa visita a Cuba nos anos 20. Debaixo da fotografía orientalizante podemos ler (xornal Social, La Habana, xuño de 1924):

El notable pintor gallego, médico de Santiago de Compostela, hasta ayer neoyorkino honorario, que visitó a Cuba hace un mes. Ha regresado a España después de fructífera labor en los Estados Unidos. Luego se propone visitar el resto de la América Hispana. Esta bella fotografía es inédita y la dedicó a SOCIAL.
(fotografía de Ab-Dagurre)

Época Pagana en Compostela



O proxecto artístico de González del Blanco para o hotel Compostela completábase cunha serie de escenas xacobeas, tamén destruídas. Contamos cun documento no arquivo familiar que reproduce esa secuencia de ilustracións. Adxuntamos a primeira, titulada Época Pagana en Compostela, acompañada no catálogo do seguinte texto:

Una noche de plenilunio propia para rendir culto a las divinidades célticas Epona, Matronas y Lugoves. Un anciano sacerdote convoca a sus fieles desde el pedestal de la mámoa o ara de los sacrificios, haciendo sonar la caracola que lleva su religioso mensaje hasta los poblados de chozas circulares techadas con paja, construidas al lado de numerosos monumentos megalíticos sobre los que se eleva un grandioso dolmen. Es la hora de adorar a los espíritus que vagan por los bosques y las corrientes de agua que serpentean entre las montañas. En la lejanía y sobre la cima de los castros o montes sacros arden las hogueras encendidas en honor de los espíritus que acudirán en esta gran noche ritual.

Fotografía de Leonardo González.

11/6/09

Romaría de Cespón


Nesta fotografía vemos a un xa enfermo Roberto González del Blanco ultimando un dos monumentais frescos do hotel Compostela titulado Romaría de Cespón. Esta pintura resume perfectamente a súa obra dende 1925: rexionalismo, realismo, naturalismo, temas costumistas, tipos populares, tradición, relixiosidade popular e folklorismo. Ao fondo á dereita vemos o campanario da igrexa parroquial de Cespón (tamén debuxado por Castelao en acuarelas en paradoiro descoñecido) e á esquerda a capeliña de San Roque, espazo no que aínda hoxendía se celebran misas e procesións. Toda unha xoia da microhistoria da parroquia de San Vicenzo de Cespón.

Fotografía de Leonardo González Pérez.

Arqueoloxía da Arte


Os seguidores de Arqueoneixon xa coñecedes algo a figura de Roberto González del Blanco, artista e pioneiro escavador do Castro Pequeno de Neixón a comezos do século XX. O arquivo familiar que custodia a súa filla Blanca non deixa de deparar agradables sorpresas. Na década de 1950 o pintor fixera uns monumentais frescos para decorar unhas salas do Hotel Compostela. Unha reforma posterior destruiu estas pinturas murais nunha mostra máis do particular sentido galaico da Modernidade. Esta fotografía é o único testemuño gráfico dunha obra que desapareceu para sempre. Arqueoloxía da Arte.

8/6/09

Augardente añuac

No poboado añuac de Iliya unhas mulleres pasan o día elaborando aréki (augardente). Como diría Manquiña, o concepto é o mesmo, só cambian os materiais. A alquitara metálica é de orixe sudanesa mentres que os potes cerámicos son de fabricación local. Seica o enclave comercial británico en Gambela fomentara a venda e fabricación de licores consolidando unha tradición hoxe vixente. O que non saben estas mulleres é o paquete que lles vai caír se aparece por Iliya un inspector da Xunta. Galegas no exterior.

Augardente galega


Recordos da invernía. O ritual da elaboración da augardente, dende a mañanciña até o serán. Para combater a Lei Seca, un fondo común das casas da parroquia permitiu mercar o alambique e o trebello árabe vai rulando ás agachadas. Como na templa da ferramenta, a apericia no manexo do lume é fundamental para chegar a bo porto. Durante horas, entre taquetes e vasetes de viño novo, escoan as vellas historias dos alambiqueiros de Sober que traían contos e novas de lonxe. Outro oficio ambulante que morreu. Beber para esquencer... ou para recordar?

5/6/09

Obama is our president


Histórico discurso de Obama no Cairo. As palabras non son inocentes. A xente mátase na África subsahariana non só pola fame, o comercio de diamantes ou a explotación do coltan, senón tamén polo que teñen dentro da cabeza, pola súa concepción da historia, a memoria e a identidade, como se viu nos recentes xenocidios de Ruanda e Burundi. Por toda Etiopía individuos de diferentes etnias e relixións comparten a Obama como referente icónico e simbólico. Para o Estado, é un evento máis que amosa o renacemento etíope, xunto coa devolución do obelisco de Axum, secuestrado por Mussolini trala invasión fascista de 1935-36. O Patrimonio arqueolóxico e a política mundial xogando o mesmo papel.

Sobre este tema podedes consultar o noso artigo en Xornal Certo
http://certo.es/index.php?page=etiopia-_onde_todo_comezou

Fotografía: hotel en Asosa (Benishangul-Gumuz, Etiopía occidental, marzo de 2009).

4/6/09

Tesiñas e moluscos


Este pasado martes 2 de xuño os arqueólogos Víctor Bejega e Eduardo González defenderon cadansúa tese de Licenciatura na Universidade de León. Ámbolosdous forman parte do equipo do proxecto de Neixón dende 2005 e están especializados en análises arqueomalacolóxicas. O traballo de Víctor céntrase no estudo do aproveitamento dos recursos mariños no Castro Grande d'O Neixón, basándose nos resultados das nosas escavacións arqueolóxicas dos anos 2005 e 2006. Pola súa vez, Eduardo presentou unha análise semellante sobre o castro de Punta Atalaia (San Cibrao, Cervo, Lugo). Parabéns aos dous.

De lorean de bois


Xosé Gago é un mozo arqueológo arousán que ten formado parte do equipo do proxecto do castros de Neixón en sucesivas campañas. Dende hai pouco escribe para o Galicia Hoxe nunha sección alcumada Andainas polo Mar de Compostela. En cada entrega percorre un espazo senlleiro do Patrimonio Cultural desa paisaxe cultural que é a ría de Arousa, combinando Arqueoloxía e literatura. O último artigo céntrase nos castros de Neixón; podedes velo en

http://www.elcorreogallego.es/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=432243&idEdicion=1266