28/4/09

Trileros petrogliferos


Os petroglifos celtas con significado terán que valer máis que os que non o teñen, que é como dicir que a Arqueoloxía simbólica é máis cara que a Arqueoloxía positivista. No culmen do hipersubxectivismo a dona da tenda de recordos de Santa Trega indica que o significado ten que darllo a persoa que merque a peza. Ou sexa que o comprador paga un IVE simbólico por un significado que sae do seu maxín. En tempos de crise, esta é unha manobra de márketing simplemente xenial. Just do it.

24/4/09

Diamante en bruto

Unha escavación arqueolóxica permite ter un contacto físico co pasado. Pero esta experiencia non remata aí senón que continúa no laboratorio, onde a cultura material amosa as súas facianas máis agochadas. Estamos en pleno estudo e sistematización dos restos documentados no Castro Pequeno de Neixón na campaña 2008. Unha manchea de detalles, dados e contextos que cómpre analizar ao miúdo e relacionar convintemente para xerar coñecemento sobre un xacemento emblemático dunha época aínda mal coñecida (a 1ª Idade do Ferro) e apenas publicado até o momento. Na fotografía podedes ver un minúsculo anaco de caldeiro de bronce. A súa limpeza e restauración, así como técnicas fotográficas e ópticas, permitiron recuperar un detalle interesante: o remate en punta de diamante de parte dos remaches que conforman a decoración do caldeiro. Non sei se o tamaño importa... pero os detalles si teñen importancia, na Arqueoloxía e na vida.

Fotografía de Yolanda Porto (técnica restauradora do LAPA (IEGPS - CSIC).

21/4/09

Banquetes en Neixón


A arqueóloga galega vencellada ao noso proxecto de Neixón Iria Fernández Blancafort inicia o seu proxecto predoutoral na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona tras defender con éxito a súa tesiña Banquetes en Neixón. Un caso de estudio en los inicios del Hierro del Noroeste ibérico. Unha mostra máis do bo facer desa manchea de investigadores e investigadoras espallados polo mundo que traballaron e traballan en United Neixons, producindo coñecemento e implicándose coa comunidade local. Iria é unha desas arqueólogas que contribuiu a poñer Neixón no mapa, sen pedir nada a cambio. Grazas e parabéns.

16/4/09

Neixón no Brasil


Juan Martín Dabezies Tincho, arqueólogo uruguaio especialista en patrimonio sonoro e membro do proxecto de Neixón, vén de defender con éxito a súa disertación de mestrado na Universidade Católica de Río Grande do Sul baixo o título La dimensión inmaterial del Paisaje. Una propuesta de documentación, caracterización y gestión del Patrimonio Cultural Inmaterial. Nesta investigación amosa, como estudos de caso, o seu traballo no proxecto galaico-uruguaio de Tacuarembó e na campaña 2008 nos castros de Neixón. Unha esgrevia aportación transoceánica de United Neixons que en breve poderedes consultar no apartado de produción científica.

Fotografía: momento histórico, un dos escasos intres nos que Tincho deixa a cámara na escavación de Neixón en 2008.

14/4/09

Cambio de rumbo


Hoxe a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia oferta (www.xuventude.net) os campos de traballo para este ano 2009. A algúns sorprenderavos que non apareza o campo de traballo dos Castros de Neixón. Estamos perante a fin dun ciclo iniciado en 2003 e no comezo dunha nova xeira do proxecto arqueolóxico que diriximos dende o Laboratorio de Patrimonio do IEGPS (CSIC). O xacemento pide outro ritmo de traballo, outra dinámica e, sobre todo, un mantemento anual e posta en valor que non se dá a día de hoxe. Queda, polo momento, agradecer o apoio constante e valente da Dirección Xeral de Xuventude dende 2003 e o bo facer dos técnicos de tempo libre de Insulae S.L. Así é todo hai arqueoneixon para rato, amigos e non tan amigos. Xa sabedes que a investigación básica e aplicada comeza realmente coa finalización das escavacións arqueolóxicas. Nos próximos meses iremos dando a coñecer os novos proxectos en curso, centrados en tres eidos fundamentais: a) publicación e divulgación do coñecemento xenerado entre 2003-2008, destacando as intervencións no Castro Pequeno de Neixón (2008) e varios traballos de investigación sobre Neixón lidos en Universidade españolas e extraxeiras; b) o traballo coa comunidade local e c) memoria histórica e Patrimonio na bisbarra de Barbanza.
Á marxe de todo isto, habería que preguntarse porqué desaparece o decano dos campos de arqueoloxía en activo no noso país e o único proxecto arqueolóxico con continuidade no Barbanza. Será que é máis rendible inventarse xacementos, descubrir súpercrómlechs e facer o ridículo con aldeas malditas. En fin: que bo castro se tivese bo señor!.

Arquitectura orgánica


Os poboados de Keser e Keser 2 descobren aspectos fundamentais na configuración do asentamento. As árbores vertebran os espazos domésticos. A sombra explica o espallamento das áreas de actividade exteriores. Dende meniños, os brotes de mangos e baobabs son valados e coidados ao máximo. Toda unha arquitectura orgánica que dá lugar mesmo a unha estética, froito da conciliación, ás veces, entre home e natureza.

Fotografía: árbore estragada por un raio, empregada como colgadoiro de roupa. Poboado de Keser 2.

13/4/09

Arquitectura en negativo


A Etnoarqueoloxía fornece grandes claves para repensar e interpretar os procesos formativos do rexistro arqueolóxico. As foxas escavadas no sustrato rochoso, por exemplo, son unha contante no espazo doméstico da Prehistoria Recente, a Protohistoria e o período altomedieval do NW da Península Ibérica. Toda esta arquitectura en negativo dá lugar a debates sobre a función e o sentido destas estruturas. Na fotografía podedes ver un exemplo desta arquitectura en negativo no reasentamento gwama de Kesser. Tres foxas cunha longa vida: primeiro foron escavadas para extraer arxila para o manteado de barro da vivenda que vedes atrás; despois serviron de basureiro e de depósito das cinsas extraídas da lareira da casa e agora tamén serven de depósitos da auga que escoa polo teito da cabana (coas chuvias da estación húmida) e chega a elas a través dunha pequena canle. Toda unha arquitectura vencellada a cadeas técnico-operatorias, ao uso simbólico do refugallo e o lixo, etc...

7/4/09

Olladas do silencio


Até o 3 de maio podedes ver na Casa da Parra de Compostela a exposición fotográfica de José Caruncho Olladas do silencio. Persoas da terra brava d'O Caurel, paisaxes, arquitecturas e obxectos... retratos exactos dunha comunidade humana no seu contexto (este é o o obxectivo da Arqueoloxía, sen ir máis lonxe). Unha reseña de prensa, escrita por un xornalista que nin foi ver a exposición, resumía a obra coma una exposición fotográfica en la que se recogen retratos de varias personalidades del Courel. Sen querer, deron no cravo: a dignificación a través da fotografía do campesiñado postindustrial. O catálogo é unha xoia que inclúe testemuños sobre o imaxinario colectivo desta xente. Antolóxico o relato Aquí nacín (pp. 17-25), de Antonio López, unha peza mestra da nosa literatura.

Fotografía: Adival, Vilar de Folgoso, 2008 (Catálogo de Olladas do silencio, p. 53).

2/4/09

Estudantes


A educación promocionada polos Estados totalitarios (coma o Estado franquista) e democráticos procura en maior ou menor medida a uniformización e homoxeneización dos rapaces. A angueira polo uniforme da revolución cubana chegou a Abisinia durante a dictadura comunista e persiste no novo Estado etíope; o espírito nacional atopa novos escenarios de reproducción nas escolas abertas en zonas periféricas como esta rexión fronteiriza de Gambela. A escolarización da mocedade garante un dereito básico e, pola súa vez, vai supoñer o punto e final das culturas tradicionais. Na fotografía podedes ver rapaces e rapazas nuer e opuuo saíndo da escola no poboado de Gwankei. Mentres pola mañá son estudantes etíopes, pola tarde voltan á normalidade.