15/1/09

Abisinia


Imonos en los más crudo del crudo invierno. O sábado marchamos a Etiopía mes e medio a traballar nun proxecto etnoarqueolóxico dirixido polo profesor Alfredo González Ruibal da Universidade Complutense de Madrid. Tentaremos na medida do posible mantervos ao tanto do que alí faremos. Un pouco de Arqueoloxía histórica, outro de Etnoarqueoloxía e moito de ver, escoitar, sentir e soñar.

Fotografía: muller gumuz na aldea de Matoha (Metekel, Benishangul Gumuz, Etiopía). Marzo de 2006 (Fot. de Xurxo Ayán).

13/1/09

Premio Xarmenta


Acabamos o 2008 con premios a benqueridos amigos e comezamos o 2009 con máis galardóns; os músicos de Aira da Pedra reciben este xoves ás 20:00 no Teatro Bergidum de Ponferrada o IV Premio Xarmenta da Asociación Berciana da Lingua Xarmenta polo seu labor difusor a prol da cultura berciana a través da súa música e da súa longa investigación etnomusical. Parabéns e noraboa a quen puxo fermosa e acaída música ao proxecto de Neixón.

12/1/09

Complutum


Mañá preséntase na Universidade Complutense de Madrid o primeiro monográfico sobre Arqueoloxía da guerra civil e maila represión da postguerra. Esta obra colectiva está coordenada polo profesor Alfredo González Ruibal, vello coñecido deste blog e membro do proxecto arqueolóxico de Neixón. Unha versión estendida da nosa aportación ao volume (unha aproximación arqueolóxica á guerrilla antifranquista galega) xa a podedes descargar no apartado de producción científica.

Vía: http://guerraenlauniversidad.blogspot.com/

8/1/09

Tacuarembó


O Laboratorio de Patrimonio (LaPa - CSIC) convídavos a todos á inauguración da Exposición Fotográfica Huellas de la Memoria, una mirada a los paisajes culturales de Tacuarembó, que terá lugar hoxe xoves 8 de xaneiro ás 20:00 horas na Sala de Exposicións da Fundación Araguaney (R/ Montero Ríos 25-27 – Santiago de Compostela). A directora do proxecto arqueolóxico é a nosa compañeira Camila Gianotti García, quen codirixiu as escavacións no Castro Grande de Neixón no ano 2003. As proxeccións audiovisuais son obra do bo facer, entre outros, de Juan Martín Dabezies Tincho, quen no 2008 tamén aportou a súa experiencia ao proxecto de Neixón.

Fotografía: Prospección arqueolóxica en Tacuarembó na campaña de 2006 (Lapa - CSIC).

5/1/09

Agasallo de Reis


De pequeno non tiven scalextric, pero si o barco pirata de Famobil. Dende aquela os Reis xa non eran o que eran. A chegada de nenos á familia fai que un se poña ao día en trebellos fedellos, e teño que recoñecer que hoxe o rei Gaspar me vai deixar na porta do cuarto este Mr Potato Indiana Jones; prémeslle no chapeu e soa a melodía da peli. Alucinante. Como diría o outro, isto si que é pataca minuta.

Tríada capitolina


Tres representantes esgrevios do bo facer de Manolo de Sevil compartindo espazo no seu obradoiro. Á dereita un cruceiro, magnífico, no centro unha filloeira simple e outra tetralobulada (tapada cun cartón verde) e á esquerda, unha ventana celta que vén sendo unha réplica modificada do famoso trisquel de San Cibrán de Lás que se atopa no Museo de Ourense. Cruces, filloas e celtas, un bo eslógan sobre a Galicia postmoderna do presente. O canteiro sacou o modelo da ventana celta dunha fotografía e chegou a ir ao Museo para ver a peza orixinal. Alí sorprendeuse de que non se puidese tocar a peza, estaba alí posta e só podes mirar para ela, vaia cousa. Esta opinión dun canteiro cualificado pode dar pé a todo un debate sobre a patrimonialización que os arqueólogos e museólogos facemos dos restos arqueolóxicos, algo sobre o que ten escrito moito Beatriz Comendador no seu blog pasado reciclado.

La France


Os canteiros sempre voltan. A finais dos 60 e comezos dos 70 dáse a emigración temporeira a Francia e Suiza. Contratos por nove meses para traballar na primavera, verán e outono, e estadías na casa polo inverno. Manolo de Sevil traballou moitos anos labrando e colocando pedra en estacións de esquí dos Pireneos franceses, orientais e occidentais. Aínda lle quedaba tempo libre para debuxar na cafetería do hotel. Estas obras de actrices francesas das revistas penduran da parede dun alboio que vén sendo todo un Museo e , realmente, sintetizan, ao meu parecer toda unha época... Por certo, a caiada de madeira da esquerda foi feita por Manolo cando tiña dazaseis anos. Probas do ciclo vital e das biografías dos obxectos, moi na liña dos estudos de cultura material postprocesuais.

Reverso


A anterior fotografía conta cun reverso manuscrito que nos pon na pista dun fenómeno histórico esencial no devalar das comunidades cuntenas: a emigración a América. Esta foto cruzou o Atlántico para palia-la morriña de emigrantes recén chegados a Río de Janeiro a finais da década de 1950. Segundo as parroquias e lugares contamos con diferentes destinos, destacando Brasil e Venezuela. Moitos canteiros pasáronse ao outro lado, converténdose en albaneis ou encofradores, outros entraron na hostelería e, sobre todo en Caracas e aledaños, algúns montaron puxantes negocios de marmolería. Antonio Sueiro, de Gontade (Brasil, Venezuela, Francia, Suiza...) contaba como viaxaba en avión por Sudamérica coas súas ferramentas de canteiro na equipaxe de man...

Canteiros de Cuntis


Canteiros de Cuntis é o título dun garimoso libro escrito a meados dos anos 90 por don Olimpio Arca, quen nos introduciu neste abraiante mundo cunteno. A cantería tradicional é unha tecnoloxía premoderna, un saber que apenas deixa documentación escrita. Tradición oral e cultura material son os alicerces desta paleotécnica que se enmarca en todo un patrón de racionalidade, nunha cosmovisión que desaparece. De feito, a cantería tradicional é un relicto do pasado, un oficio que deixou de existir como tal dende a mecanización encetada nos anos 70. Neste contexto o que pervive é a cultura material e un impacto sobre a paisaxe, dende trebellos e vellas ferramentas, até pedreiras abandonadas, dende os panteóns dos camposantos até os vellos hórreos e cercados das fincas. Por iso é tan difícil atopar documentación fotográfica ou escrita sobre os canteiros. Velaí tedes a canteiros cuntenos facendo panteóns no adro da igrexa de San Miguel de Barcala en 1955.

Fotografía: Arquivo familiar de A. F. Pego.

Francisco Arca


Un home sensacional, un dos últimos labregos galegos. Con 89 anos é un libro aberto, este aprendiz de canteiro que viu truncada a mocedade pola guerra civil, cargando de munición máquinas de morte na fronte de Madrid. Deixemos falar a Francisco Arca, de Gontade (San Mamede, Cuntis):

O meu mestre na escola foi Don José Torres, o Coxo, que despois da guerra estuvo no lazareto de San Simón, e despois inda lle deron escuela en Ouzande, foi onde se jubilou. Moi bo maestro, pero un pouco bravo de máis. Hoxe eso non llo permitiían. A min peghoume unha hostiaza que inda me recordo hoxe, home, razón tiña, pero tampouco non tiñan razón, porque a Sociedad de Residentes de Cuntis en Buenos Aires, que este meu tío era presidente daquela, mandara para a escuela de Maghán, unha máquina de escribir, un estuchiño esí cun lapicero, unha ghoma de borrar, e non sei que máis. E entonces ó escribir ó dictado puxo La higuera produce higos pero non che sei, con j, h, eu puxen fijos, mecagho en diola, peghoume un hostiazo, calei porque tiña que calar, non quedaba máis remedio [...] E había outro amigho da quinta do 41, un tal Ramiro, tamén non sei que fixo, estaba escribindo ó dictado e non sei que fixo, foi chamarlle a atención e cando iba baixarlle a man fixo así e cravou a pluma de escribir na man, ostia!, deulle unha retenida, mi madre, deulle unha patada e enghañouse e deulle unha patada coa pata de pau e esvarou e marchou contra a mesa o maestro e acabouse todo.