27/7/08

Uruguai


Este venres, no Centro Social de Cespón, o noso compañeiro Juan Dabezies Tincho impartirá a charla Arqueoloxía das Terras Baixas do Uruguai no marco dos Venres Culturais organizados pola Asociación de Veciños Neixón. Nela amosará os resultados dun proxecto realizado dende hai varios anos por un equipo galaico-uruguaio dirixido pola nosa compañeira Camila Gianotti centrado no estudo da arquitectura monumental dos cerritos (o equivalente das nosas mámoas) na zona de Tacuarembó. Asemade, este proxecto combina Antropoloxía e Arqueoloxía con novidosas aportacións ao campo da creación audiovisual. Neste senso proxectaranse dous vídeos xenerados no seo do proxecto antedito e que reflicten moi ben a Arqueoloxía social praticada alén mar.

Fotografía: campaña de prospección en Tacuarembó. Ano 2006.

24/7/08

Galicia en guerra


El campo de trabajo de Neixón se sumerge en la dictadura franquista; así titulaba unha xornalista de La Voz de Galicia a reportaxe sobre a campaña 2008. Para mergullarnos nos procelosos mares da memoria histórica tentaremos recuperar eses tesouros fotográficos agochados nas casas, tras anos de silenzo. Velaí un avance. Nos primeiros anos da IIª Guerra Mundial, coa España fascista oficialmente neutral no conflicto, atopamos escenas coma ésta; nun porto galego, contra 1941, uns amigos posan orgullosos nun buque de guerra alemán, coa esvástica de fondo. Aí é nada.

Fonte. J. G. G. Arquivo familiar.

18/7/08

O Carme


A 2300 metros do ceo.

Gardeners


Ultimamente proliferan as xornadas sobre Paisaxe nas que se dan cita paisaxistas, arquitectos, arqueólogos... Sempre xurde o concepto-fetiche dos gardeners, eses campesiños tradicionais que, coa Postmodernidade, se convertiron en xardiñeiros. O xardín. Ese mundo máxico. Velaí tedes un na aldea de Nine, no que se combina o mundo do mar, o traballo da terra e os bonecos futuristas. Todo rodeado de floripondios, cos seus filamentos alucinóxenos. Todo axudo para crear este tipo de instalacións artísticas.

Casa dos arqueólogos


Nine, Cespón. Campaña 2008

Community Archaeology

Punto de información. Metáfora arqueolóxica. Microtoponimia. Aberto por obras.

13/7/08

Pedra Rosetta


No WAC de Dublín puidemos visitar uns cantos elementos sobranceiros do Patrimonio cultural irlandés, de entre eles o camposanto de Monasterboice. A este cemiterio pertence esta estela funeraria, do século XVIII, escrita en gaélico, inglés e latín. Conflicto ou riqueza lingüistica na Hibernia do século XVIII?
Que tomen nota aqueles que se empeñan en predicar a prol do conflicto lingüístico con fins políticas no noso país.

Numisma


Velaí tedes o noso primeiro achado na campaña 2008, na capa vexetal do Castro Pequeno de Neixón. Unha peseta de 1966. Segundo os expertos en numismática, o busto de Franco foi remodelado daquela por Juan de Avalos co gallo de adaptalo aos 74 anos dos que gozaba o ditador. Asemade, variou a aleación, que introduciu unha pequena liga de níquel e aumentou a proporción de cobre. O prezo desta peza devala en eBay entre o 1.50 e os 5 euros.
Unha presunta instalación artística vén de chantar en Caldas de Reis unha fonte coa cabeza de Franco. Escasa orixinalidade. O noso país está inzado de lavadoiros, casas e fontes co escudo de Falanxe nesa inmensa instalación artística que foi o rexime nacional-católico franquista. Xa postos en plan artista-rompedor-es-que-no-me entendéis-paletos-de-pueblo tamén podemos vacilar coas foxas dos represaliados, co Valle de los Caídos ou coas fotos das mulleres rapadas coas ropas machadas de merda por mor do aceite de ricino. Total, na arte, todo vale.
Alomenos, a peseta de Neixón amosa a mellor das realidades: que gran parte da ditadura franquista se atopa baixo terra, é rexistro arqueolóxico. Mellor así.

4/7/08

Arqueoloxía ao alcance da man


Todo un manual de teoría arqueolóxica, este obradoiro de Arqueoloxía experimental e creación artística no WAC de Dublín.

Fotografía: Xurxo Ayán