31/12/08

Canzorros


Igrexa de San Salvador no cumio da vila medieval de Sepúlveda en Segovia. Xoia do románico do século XI mistura referencias estilísticas do prerrománico, o mozárabe, a arte irlandesa altomedieval... Os canteiros que alí traballaron recrearon nos canzorros monstros, individuos masturbándose e extraños seres entre animais reais e fantásticos. Dende logo, don Inocencio vén de atrás, de moi atrás, e pouco ten que ver con iso que se deu en chamar arte popular.

Don Inocencio


Estes dous últimos meses estivemos traballando coa xente de Terceira Persoa na elaboración dun Inventario do Patrimonio material e inmaterial da cantería tradicional en Cuntis con vistas ao deseño dun Museo sobre o tema. Unhas vinte entrevistas conforman unha viaxe abraiante por este mundo dos canteiros. Comezaremos o ano cunha serie de entradas sobre esta experiencia etnoarqueolóxica e microhistórica. Como avance e a xeito de felicitación do Aninovo presentamos aquí a don Inocencio, obra de Manuel de Sevil, canteiro e artista dos que xa non quedan e con todo un entramado teórico sobre a mistura de razas e a metamorfose. Como dixo el, don Inocencio ten algo de vaca, de humano, de dragón... Seica un cliente lle encargou unha fonte que botase auga ata polos collóns... e saiu isto, que efectivamente bota auga polos fuciños e polo falo.
Don Inocencio dá pé para falar do Románico, da cantería altomedieval, dos monstros dos canzorriños das igrexas, da pornografía feita pedra...
Feliz Aninovo.

27/12/08

A memoria do mar


Na campaña de 2008 iniciamos unha liña de traballo coa comunidade local de Cespón co gallo de dixitalizar fotos antigas gardadas nos arquivos familiares. Esta investigación, que nós fixemos a escala local, foi levada a cabo a escala de toda Galicia por técnicos do Museo do Mar de Vigo entre diferentes comunidades mariñeiras ao longo da costa deste país noso. O froito dese magnífico traballo pode verse na páxina http://memoria.museodomar.com/

Foto a foto construíndo Patrimonio.
Fotografía: Cargando o racú nunha gamela, Val Miñor, 1953.

16/12/08

Per loca maritima


Inaugurouse onte a vía de alta capacidade do Barbanza. Por suposto non imos esgrimir aquí discursos do estilo unha navallada dos anos 70 nin discutir sobre a súa obvia utilidade, sobre todo cando levamos uns cantos anos traballando co impacto arqueolóxico en grandes obras públicas. Cremos que esta obra exemplifica moi ben o conflicto entre tradición e Modernidade, cun impacto crítico sobre os concheiros debaixo da ponte (unha das zonas máis ricas en molusco de toda a ría de Arousa), e coa modificación definitiva dunha vella paisaxe. O novo milenio pechou dunha vez por todas a comunicación marítima do mar de dentro (a aldea de Arribada en Cespón), o remorso traumático da ponte Beluso na guerra contra o francés e no golpe de Estado do 36, a estampa milenaria da seca... Pero o trazado da vía tamén sanciona unha topografía antiga. No Antigo Rexime, como ben estudou Leonardo González, a parroquia de Cespón, que conta con 22 aldeas, dividíase en dúas partes: a de arriba (Norde) e a de abaixo (Sur) . A nova vía, coma un novo Camiño Real, escoa polo medio e medio da parroquia de Cespón e monumentaliza esta división milenaria.

Fotografía: Obras no desdoblamento da ponte, xullo de 2008. Vista dende o Castro Pequeno.

9/12/08

A peste

Unha seña de identidade deste noso blog é o respecto á multivocalidade, a esoutros discursos que compiten co discurso científico e, que ás veces, son igual de válidos ca este, pero só ás veces. Por esta razón facémonos eco aquí dunha reportaxe sobre a peste e a aldea maldita de Abuín en Rianxo emitida por Cuarto Milenio, o programa de Ikér Jiménez. Podedes velo se entrades en:
http://www.cuatro.com/videos/index.html?xref=20081128ctoultpro_15.Ves&view=ver
Tiempos imprecisos, aldea arrasada por la terrible pandemia, especialistas de recoñecido prestixio, estranas cruces... bienvenidos a la nave del misterio.

Fotografía: ilustración da peste na Biblia de Toggenburg (1411) [Fonte: Wikipedia]

3/12/08

Arqueomalacoloxía


Vén de poñerse en marcha o blog www.arqueomalacologia.blogspot.com da man de Víctor Bejega e Eduardo González, investigadores da Universidade de León e membros do equipo arqueolóxico dos castros de Neixón. Un foro para o debate no que se divulga o coñecemento desenvolto a partir de intervencións metódicas en diversos xacementos arqueolóxicos. Unha páxina amiga á que tedes acceso no apartado de ligazóns do noso blog.

Fotografía: Víctor Bejega e Eduardo González tomando mostras no concheiro do foxo do Castro Grande na campaña arqueolóxica de 2005 (fotografía de Xurxo Ayán).

Metamorfose



Metamorfose. 400 anos de evolución dun edificio é a exposición coa que se inaugurou o novo edificio do Arquivo da Deputación de Pontevedra o xoves pasado. Un bo exemplo da incardinación necesaria da Arqueoloxía na rehabilitación de edificios no casco histórico das vellas cidades, un eido no que a cidade de Pontevedra segue a ser modélica cunha envexable traxectoria nos últimos anos. Na exposición amósase, dende a Arqueoloxía da Arquitectura, a evolución do Colexio da Compañía así coma os restos materiais máis significativos asoellados nas escavacións arqueolóxicas.

Fotografía: contracapa do catálogo da exposición, coordenado por Rafael Mª. Rodríguez Martínez e Xerardo Torrado Agulla.

Hai premio!


Xosé Manoel Sánchez Sánchez vén de recibi-lo Premio á investigación 2008 da Deputación de Pontevedra pola súa Tese de Doutoramento sobre Compostela e o Pontificado na plena Idade Media. Este medievalista é investigador do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago e membro do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón. Parabéns dende aquí a Xosé. Con xente así de competente é como se fai país e como se dignifica o labor dos científicos sociais.