30/5/08

Cambio climático



Nos castros de Neixón acontecen cousas. Actos vandálicos que estragan os carteis e mailo mobiliario, desembarcos de droga... o normal dentro dun espazo postmoderno. Pero hai certas intervencións que acadan a categoría de arte. Velaí ese radiador enfurruxado, coroando a papeleira, ao sopé do parapeto do Castro Pequeno. Será unha instalación dun xove artista vangardista de Boiro? Será unha denuncia do feísmo? Será un símbolo ecoloxista? Será un indicador do cambio climático? Será un aviso a navegantes? Será refugallo, lixo, basura?

26/5/08

Aira da Pedra



Dentro da potente tendencia neofolk que percorre o NW ibérico atopamos pastiches, fantasmadas, bandas de gaitas escocesas, recreacións sorprendentes, polémicas, tensións tradición-Modernidade... Non somos quen para xulgar o sistema de saber-poder musical establecido no noso país. Agora ben, recoñecemos a autenticidade das propostas honestas. Este é o caso de Aira da Pedra, grupo de música folk do Bierzo, nos lindeiros da galeguidade. Anos recollendo a tradición oral berciana, pescudando no imaxinario colectivo, gravando dos beizos dos vellos e vellas cancións en aldeas xa hoxe abandoadas, reproducindo un idioma que desaparece, e elaborando temas de gran calidade. Aira da Pedra pon a música ao documental O'Neixón: historia vida dun castro dirixido por Lucas Santiago e producido polo IEGPS (CSIC-XuGA) e Fungo Audiovisual de Boiro. Este documental será presentado no inicio da campaña arqueolóxica 2008 e xa se atopa na axenda de varios festivais de cinema arqueolóxico, españois e europeos.
Unha boa excusa para achegarvos á música de Aira da pedra, que acaban de ultima-la súa páxina web
www.airadapedra.net

22/5/08

Libro sobre minería do Barbanza


Hoxe en Ribeira preséntanse as actas das Xornadas sobre Minería antiga no Barbanza que tiveron lugar o ano pasado en Boiro. Neixón está presente nese volume, cun artigo que se atopa no apartado de produción científica deste o noso blog.

20/5/08

Xosé Mª. Álvarez Blázquez


Colleu a Galicia como tema especial dos seus traballos. Sentía moito interese pola prehistoria e pola protohistoria. Consideraba que eran para el manatío do vivir galego, agarimo polas idades lonxanas. O recuado pretérito da existencia galega constituía unha das súas preocupacións. Resultábanos grato ler as súas monografías. Sen rexer cadeira profesoral, foi a súa valentía moi positiva. Pracíalle trazar o plano dun castro, a presenza dunha mámoa...

Francisco Fernández del Riego (Grial, Cadernos Letras Galegas 2008, p. 5).

Homes de espírito renacentista com Fermín Bouza Brey ou Xosé Mª. Álvarez Blázquez deixaron unha obra abraiante, como poetas, etnógrafos e, como non, como arqueólogos. Na imaxe podedes ver a Xosé Mª. Álvarez Blázquez explicando in situ o achado do conxunto de estelas funerarias romanas na rúa de Pontevedra, en Vigo no ano 1953. A este grupo estilístico de estelas pertence a lauda atopada en Taragoña en 2006. Como modesta homenaxe ao labor arqueolóxico do homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, poñemos á vosa disposición un pequeno artigo no que analisamos a estela de Taragoña, dispoñible no apartado de Produción científica.

[Imaxe tomada de X. L. Franco Grande.2008. Perfil, en proximidade, de Xosé María Álvarez Blázquez. En Grial. Caderno Día das Letras Galegas 2008: 83-91. páx.87]

19/5/08

Indiana, Indiana


Os arqueólogos formamos un gremio como calquer outro, nestes tempos postmodernos nos que os discursos serios se misturan con Chiquilicuatre sen ningún tipo de problema. Reproduzo a continuación un mail que nos chegou para sumármonos á loita pola dignidade laboral dos arqueólogos madrileños aproveitando o estreno da última entrega de Indiana Jones:

Hola amigos:

Os envío la convocatoria para la concentración-protesta sobre las condiciones laborales de la Arqueología en la Comunidad de Madrid (el ámbito de actuación de la Asociación Madrileña de Trabajadores y Trabajadoras en Arqueología). Aprovechando el lanzamiento de la nueva película del más famoso arqueólogo, queremos hacernos notar, poniendo de relieve la precariedad de esta 'apasionante', 'romántica' y 'singular' profesión.

Por favor, te queremos pedir que acudas a la concentración delante de los Cines Capitol (Plaza de Callao), vestido tal y como salgas de trabajar, portando algunas pegatinas y pancartas como las que proponemos, o como se te ocurran. También sería interesante que difundieras esta convocatoria entre tus compañer@s y colgases esta convocatoria, lema y pasquines en tu centro de trabajo o de estudio, para darle la mayor difusión posible.


Imaxe: tomada do blog pasadoreciclado.

6/5/08

Xustiza


Velaí tedes un grupo de arqueólogos. Xente perigosa. Delicuentes. Onte puidemos conversar en Aquí xa é noite da Radio Galega co historiador Dionisio Pereira, denunciado polos descendentes do Xefe da Falanxe local de Cerdedo. Esta xente tamén ten nos tribunais a un vello coñecido do noso blog, Alfredo González Ruibal, que o xoves 15 de maio presta declaración nun xulgado da vila de A Estrada.
Dionisio Pereira e Alfredo González. Cidadáns libres e profesionais honestos.


Fotografía de Francisco Ameixeiras. Equipo arqueolóxico da campaña de sondaxes no castro de Castrolandín. Outubro de 2004. (Alfredo González Ruibal é o segundo da dereita, de pé).

3/5/08

Punic trade


Pepe Carreiro vén de publicar outra entrega d'Os Pequenos Barbanzóns, baixo o título Farrapos de Seda, no que se amosa a relación comercial mantida polos habitantes de Baroña e Neixón cos mercaderes feniciopúnicos. Unha interacción documentada nas nosas escavacións no Castro Grande de Neixón. De todo iso falaremos Rafa Rodríguez, Alfredo González e Xurxo Ayán (tentando acada-la amenidade do cómic) no XVII International Congress of Classical Archaology a celebrar en Roma en setembro deste ano, nunha sesión organizada por unha investigadora da universidade ianqui de Stanford. A comunicación fará fincapé na interacción cultural entre púnicos e castrexos a través dunha análise da cultura material exhumada nos foxos e nas foxas do Castro Grande de Neixón, todo un espazo ritual e simbólico.