28/4/08

Xuntanza blogueira



O 31 de maio en Agolada (Pontevedra) terá lugar unha xuntanza de blogueiros auspiciada por Aquan Latam (http://aquamlatam.blogspot.com). Malia que non poderemos ir (por motivos profesionais) aos famosos Pendellos, o programa de actos ten moi boa pinta. Máis información en http://blog-xuntanza.blogspot.com
Noraboa anticipada aos entusiastas organizadores.

Corsarios


Vivimos nun presente no que o éxito de Alatriste se combina con piratas de verdade que abordan pesqueiros no Corno de África. Os séculos XVI e XVII semellan revivir nas páxinas dos xornais, mais o medo aos corsarios vén de lonxe. Os castros de Neixón foron, por exemplo, un fito na defensa da ría de Arousa contra os piratas da pérfida Albión. Velaí un fermoso documento, descoberto por Elena Novás no arquivo da catedral de Santiago, no que se puxo por escrito o 24 de maio de 1574, en Santa Baia de Boiro, unha leva entre os habitantes das parroquias de Boiro para personárense con tódalas armas que había nas casas, dándoles aviso como la Reyna de Yngelaterra azía una gruesa armada contra su magestad.
Por esas páxinas aparecen, entre outros devanceiros:

Alberte dos Casas, espada y ballesta, que dentro de seys días traya todo.
Juan Bo, espada y lança, como es moço no los derriba
Juan d'Outeyral, una lança larga, que dentro de seys dias la traya.
Fernando de Nyne, espada y lança, lo mesmo se le mandó.
Gregorio Vázquez, çapatero, espada y lança, lo mesmo le mandó.

A beleza da microhistoria, da nosa historia.

Fotografía: panorámica da ría de Arousa dende o castro Barbudo.

23/4/08

Where the streets have no name


Aparece hoxe en El País (edición Galicia, páxina 12) unha pequena reportaxe de Teresa Cuíñas sobre a exposición Onde as rúas non teñen nome que dende o pasado sábado pode verse na sé da Fundación Terra Termarum de Cuntis (Praza das Árbores). Os que seguides este blog xa sabedes que esa exposición é froito do noso traballo en Etiopía en 2006. Leva rulando polo país dende hai unha tempada, a ver se a colledes nalgún sitio. Por agora descoñecemos o vindeiro destino. O que si sabemos é que, polo momento, é unha boa excusa para visitar Cuntis e, de paso, o castro de Castrolandín. Paga a pena. Palabra de arqueólogo.

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/calles/tienen/nombre/
elpepiautgal/20080423elpgal_20/Tes

Foto: Nenos de aldea (da exposición Onde as rúas non teñen nome). Xurxo Ayán.

22/4/08

Campo de traballo 2008


Xa está aberta a convocatoria pública para participar como voluntari@ no campo de traballo arqueolóxico internacional dos castros de Neixón. Podedes apuntarvos en www.xuventude.net
Hai dúas quendas: 16-30 de xullo (para xoves de18-24 anos) e do 1-15 de agosto (para xoves de 25-30 anos). Alí vos agardamos.

18/4/08

Arqueoloxía e Maxia


Onte fomos convidados a participar no programa noitarego da Radio Galega Aquí xa é noite, onde compartimos unha interesante conversa co mago Antón e o mago Martín Camiña. Arqueoloxía, maxia, ilusionismo. Falamos da relación entre disciplinas, de Manuel Otero Acevedo, ese neurocirurxián-orientalista-parapsicólogo que escavou en Neixón, dos encantos, os mouros... Os meirandes ilusionistas somos os arqueólogos, que facemos revivir xente que leva morta máis de 2000 anos, que facemos aparecer e desaparecer obxectos, que viaxamos polo tempo.
Como dicía Álvaro Cunqueiro en Tesouros novos e vellos: mentres a xente nosa siga soñando con encantos máxicos e tesouros, na nosa pobreza, aínda seremos ricos.

16/4/08

El ungüentario es de Vigo


A quen pertencen os obxectos? Localismo, política e identidade mistúranse cun aquel postmoderno nas reclamacións dos Papeis de Salamanca, a dama de Elche, as esculturas do Partenón... En Galicia contamos cun recente exemplo, de manual. Velaí vedes aos políticos pendentes dun ungüentario palestiniano (séculos III-VII d. C.) que, tras unha longa campaña con plataforma cidadá incluída (El ungüentario es de Vigo, era o lema), voltou á cidade olívica, onde fora descuberto nunhas escavacións arqueolóxicas en 2003. Como comentamos no artigo sobre o aríbalos de Neixón, resulta curioso como determinados obxectos invístense de capital simbólico no presente, mentres ninguén reivindica en Vigo, por exemplo, os kilos de ánforas, tégulas e cerámica común romana espalladas polos Museos de Galicia e recuperadas en xacementos vigueses.
Sobre todo isto aconsellamos a leitura dos traballos recolleitos no volume colectivo: E. Robson, L. Treadwell e H. Gosden (eds.). 2006. : Who Owns Objects? The Ethics and Politics of Collecting Cultural Artefacts. Oxford: Oxbow Books

Fotografía: Lalo R. Villar, El País, martes 8 de abril de 2008 (Edición Galicia, páxina 12)
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/unguentario/vuelve/casa/elpepiautgal/20080408elpgal_22/Tes

14/4/08

Castrenor



A Xunta de Galicia vén de publica-las actas do Congreso A Cultura castrexa: Accións e estratexias para o seu aproveitamento socio-cultural (Mondariz-Balneario, 22 e 23 de xuño de 2006) no que foramos convidados a presenta-la experiencia do campo de traballo de Neixón como posible estratexia potencialmente empregable noutras latitudes para poñer en valor xacementos castrexos. No apartado de Produción científica deste o noso blog podedes baixarvos as anteditas actas.

8/4/08

Arqueoloxía e Memoria histórica


O Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe (IEGPS-CSIC) organiza o xoves 10 de abril as 19:30 no salón de actos do antigo Hospital de San Roque, a conferencia Arqueoloxía e Memoria Histórica, a cargo de Pedro Fermín Maguire (UCM), arqueólogo que traballa no proxecto dirixido por Alfredo González Ruibal: Puesta en valor del campo de redención de penas de Bustarviejo en la Sierra de Madrid. Será o coordinador do proxecto de recuperación da memoria histórica no Campo de Traballo de Neixón na campaña deste ano.
Na conferencia Pedro exporá e proporá a discusión algúns exemplos de estudos sobre o Franquismo e a Guerra Civil dende os seus restos materiais. Xunto coas testemuñas orais e mailos arquivos documentais, ditos restos, tratados como obxecto de estudo arqueolóxico, constitúen unha fonte de información útil para o coñecemento da guerra civil e a dictadura franquista. A represión, por exemplo, cobrou múltiples formas materializándose a veces en artefactos que podemos estudar arqueoloxicamente. Campos de concentración, prisións, monumentos, etc. foron algúns dos elementos mediante os cales a dictadura pretendeu moldear un contexto social e político a súa medida. Hoxe forman parte dun legado material moi dubidoso, incómodo e conflictivo, pero que pode axudarnos á comprensión e o coñecemento de dito periodo.

7/4/08

What is Arqueoneixón?


A piques de cumpri-los 10 meses de vida o presente blog comeza a ter certa incidencia. Segundo blomillo (http://blogaliza.org/index.php?val=lblogomillo) de 5472 blogs en galego, Arqueoneixón ocupa o posto 321 dacordo con baremos de consultas, incidencia, etc... Esta notable repercusión compleméntase co interese creado no eido científico anglosaxón. Boa mostra é a invitación de Michael Shanks, da Universidade de Stanford (California), para editar no blog Archaeolog un artigo presentando a iniciativa de Arqueoneixón e que podedes consultar en http://archaeolog.org/

A filosofía de Archaeolog resúmese no seguinte paragrafo:

Archaeolog is a collective weblog dealing in all things archaeological. It is open to the wider archaeological community and cognate fields from academics to field practitioners, from professors to students. We are inclusive and have no agenda other than to foster debate. We are community driven and we wish to provide a place for archaeology at large to be visible to the widest possible audience.

2/4/08

A Mourindade


No discurso mítico manexado pola sociedade labrega e mariñeira, os castros estaban habitados polos mouros, uns seres gardadores de tesouros, non cristiáns, con equivalentes noutras zonas de Europa. Resulta moi curioso como os nosos paisanos comezaron a identificar, a comezos do século XX, aos mouros cos moros. Experiencias coma a guerra de Marrocos nos anos 20 contribuíron notablemente a que, por exemplo, en Neixón, se comezase a falar dos moros que estaban atrincherados nos castros, ou do rei moro soterrado baixa os penedos do Castro Grande. Como podemos apreciar, a loita entre musulmáns e cristiáns marcaba esta visión antagónica dámbalasdúas culturas.
Recentemente vén de abrirse unha mesquita en Ribeira, a primeira desta zona de Galicia. Unha boa noticia, que fai da multiculturalidade un novo tesouro do Barbanza. A Percepción do Outro cambiou. Xa non son os Outros. Somos Nós-Outros.

Fotografía: muro de contención da muralla de terra na entrada SE do Castro Grande de Neixón.

1/4/08

Castrolandín


Dende o ano 2000 o noso Laboratorio de Arqueoloxía e maila Fundación Terra Termarum (www.castrolandin.es) levan colaborando no proxecto de posta en valor do castro de Castrolandín, en Cuntis (Pontevedra). No marco deste proxecto, ao longo deste mes levamos a cabo, xunto á empresa Terceira Persoa, visitas guiadas para colexios de toda Galicia a este xacemento, incluíndo un obradoiro de cerámica castrexa na sé da Fundación, onde dúas restauradoras realizan réplicas perfectas dos cacharros atopados nas escavacións arqueolóxicas do castro. Un proxecto ilusionante adicado aos máis pequenos e que tamén temos experimentado no proxecto de Neixón.