31/3/08

Venceremos nós


Vén de clausurarse a exposición 1968. Do Gaudeamus igitur ao venceremos nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela comisariada por Ricardo Gurriarán e organizada pola Fundación 10 de Marzo. A relevancia arqueolóxica desta mostra non só vén dada pola recreación que alí se fixo dunha habitación de estudantes daquela época (cultura material contemporánea) senón tamén por algunhas instantáneas alí reproducidas, que nos remiten ás iniciativas dunha Arqueoloxía de campo que participaba da axitación estudiantil. Na fotografía podemos ver unha acampada nas Illas Cíes cara ao ano 1967, no marco dunha prospección arqueolóxica de carácter interdisciplinar (Arquivo de Eduardo Fra). Esta imaxe intégrase no catálogo da antedita exposición, de consulta obrigada para comprende-la historia recente deste país.

27/3/08

JAE


Onte clausurouse unha exposición no Museo do Pobo Galego sobre o impacto da Junta de Ampliación de Estudios (1907-1936) no desenvolvemento científico deste país. Grazas á JAE puideron amplia-los seus estudos e investigacións no estranxeiro xente vencellada a Neixón como Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Antón Baltar ou o mesmo Castelao, quen marchou cunha bolsa da JAE para face-lo seu famoso estudo sobre as cruces de pedra na Bretaña. Ramón Otero Pedrayo lembraba como en Pontevedra, a clase benpensante, de puesta de largo no Casino e puro na praza de touros, se preguntaba por que Castelao, o funcionario de estatística e profesor de debuxo na cidade do Lérez, marchaba a Francia pagado polo goberno a estudar cruceros de guerra.

Fotografía: Cruceiro da parroquia de Cespón recollido n’As Cruces de Pedra na Galiza (lámina LXXIII).

24/3/08

Adega da esquerda

Tomando un vasete de viño de Vilachá, na adega xurden historias da guerra, dos atracadores, de rencillas, do Parte Francés e da Radio Pirenaica, de veciños mallados no cárcere de Quiroga, de falanxistas de primeira hora e de escapados. Porque as paisaxes culturais non son só un catamarán bucólico, senón tamén escenarios de dramas, traumas e violencia nun pasado que está presente, e vivo.

Adega da dereita


Hai escasos días celebrouse en Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra, o Segundo Congreso internacional sobre viticultura de montaña e en forte pendente. A este respecto, os especialistas en turismo (voltamos ao turismo) reivindican esa vella paisaxe cultural como motor de desenvolvemento local, tarefa na que levamos traballando dende a Arqueoloxía uns cantos anos. Pero ademais, as adegas da Terra de Lemos conforman toda unha cultura material na que se agocha a historia contemporánea deste país.

Fotografía: unha adega en algures, na Terra de Lemos.

18/3/08

Certo é


O xornal barbanzán Certo vén facéndose eco dende hai tempo dalgúns dos posts de Arqueoneixón, o cal agradecemos moitísimo. Pero aparte diso, interésanos falar deste xornal porque incita á reflexión ao tratar de xeito polémico (no senso positivo do termo) temas de actualidade centrados nesta zona de Galicia. Velaí esa metáfora protohistórica da portada do último número para poñer sobre a mesa a calidade da oferta turística de Barbanza. Nós, en Neixón, ao longo de cinco anos, temos visto de todo: un californiano que veu exclusivamente sete días a Galicia para ver os xacementos arqueolóxicos de Barbanza, uns turistas despistados que viñan a ver un cromlech ao Castro Grande, un xornalista do New York Times especializado en críticas turísticas, políticos que afirman que o castro é vikingo e que hai que incluílo no circuito da Romaría vikinga de Catoira, voluntarios de Canadá, Turquía e Xapón, técnicos de turismo de moitos sitios que se quedaron no modelo de paradores e miradores do ano 1965, etc., etc... O debate está servido. O que é doblemente certo é que, malia tódalas eivas (humanas, infraestructurais e demáis), o Barbanza conserva incólume o seu poder de atración para o turismo, un poder que cómpre encauzar, maximizar e explotar con meirande racionalidade.

14/3/08

O fío da identidade


No poboado de Manjäre conviven gumuz e agaw, nos seus propios barrios. Nesta fotografía podemos ver como as mulleres agaw (cristiás) empregan hoxendía as fusaiolas, eses fósiles arqueolóxicos que enchen as vitrinas dos museos, procedentes das escavacións en castros galegos. Pero a etnoarqueoloxía vai máis alá da anécdota. Aquí temos toda unha lección de construción cultural da identidade. Se as mulleres gumuz levan pulseiras metálicas de reloxo penduradas do pescozo, as mulleres agaw levan moedas de prata da raíña María Tareixa de Austria (a nai da famosa María Antonieta), que foi dende o século XVIII moeda para o comercio no Corno de África. Dous exemplos de apropiación simbólica, de xénero e identitaria, de elementos da cultura material occidental por parte de sociedades africanas premodernas. Como irían vestidas as mulleres lemavas, prestamarcas e grovias? De seguro que de maneira diferente. Que levarían como símbolo de identidade pendurado do pescozo?

Fotografía: Xurxo Ayán

12/3/08

Un Robocop de patrulla en Etiopía


Hoxe sae publicado no xornal Público un pequeno texto sobre a nosa experiencia etnoarqueolóxica en Etiopía (http://www.publico.es/058796) na sección de Investigación. Ao longo de Arqueoneixón iremos colgando algunhas reflexións sobre ese traballo, sintetizado nunha exposición itinerante (Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxcia ao pobo gumuz) que este mes se atopa no salón de actos do I.E.S. Daviña Rei de Monforte de Lemos.

Fotografía: fonte en Bowla Dibas'i (Metekel, Etiopía occidental). (Xurxo Ayán)

10/3/08

Espiritismo e Arqueoloxía


O pintor González del Blanco tivo un mecenas: o médico Manuel Otero Acevedo (Rosario de Santa Fe, Arxentina, 1865-Pontecesures, 1920) que foi realmente o primeiro que fixo escavacións en Neixón. Todo un personaxe. Compañeiro de Valle-Inclán en Compostela, declarado anticlerical, restaurador da tuna compostelá, amigo de Pío Baroja, primeiro neurocirurxián de España... combinou o seu interese anticuarista e orientalista coa súa paixón pola parapsicoloxía. Borobó (El fantasma de Valle-Inclán, 1985) deixou escrito de este home: D. Manuel Otero Acevedo era, según la gente bien de Pontecesures, cuanto había que ser para ir sin remisión al infierno: ateo, masón, vegetariano, volteriano, tal vez nudista y, sin duda, republicano federal. Espiritista, desde luego, y quizás hablase en esperanto. Poco faltaba que le tildasen de bolchevique, a pesar de su fortuna, en aquellos sus últimos años, que coincideron con la Revolución rusa.

Fotografía: portada da edición alemá de Los Fantasmas de Otero Acevedo.

5/3/08

Arqueoloxía pirata


Por que nos detemos na figura de Roberto González del Blanco? Porque tiña a súa residencia de verán no pazo de Agüeiros (Cespón) e foi o segundo escavador do Castro Pequeno de Neixón, con anterioridade á escavación de 1925 de Cuevillas e Bouza Brey. Segundo nos contou unha das súas fillas, Blanca González del Blanco Pereira:

Yo le oía siempre contar a mi padre, entonces estaba soltero, que iba a Neixón con un señor de San Martín, Agustín O Trasbache, que tenían una pata de palo, que estaba aquí continuamente, ya era de la casa. Este señor Agustín era el que le cavaba, y mi padre estaría allí mirando, o explicándole o ayudándole. Marchaban en una gamela y volvían de noche. Aquí nos contaba emocionado las cosas que habían encontrado. Y yo, creo recordar, que decía que incluso habían encontrado unos torques y unos enterramientos con conchas.

Debuxo: perfil estratigráfico de González del Blanco das súas escavacións no Castro Pequeno de Neixón, reproducido por Cuevillas e Bouza Brey.

Ex Oriente lux


O xove médico Roberto González del Blanco tiña un fondo interese pola Arqueoloxía e polo orientalismo, cultivando un exotismo romántico de tradición decimonónica, ben reflectido na súa pintura deste momento. Por estes anos (1915-1917) será cando visite en varias ocasións Tánxer, convidado polo Bispo Administrador Apostólico de Marrocos; nesta cidade retrata a este personaxe e pinta moitos cadros de temática oriental, entre eles Las caricias del Bukara, obra moi eloxiada pola crítica da época e verdadeiro referente pictórico desta etapa da súa obra. Entre 1920 e 1925 reside en La Habana e en New York onde establece estudo na rúa 47 e traballa para a prestixiosa casa de vidrieiras Lamp.


Fotografía: O pintor en Tánxer en 1918 (Arquivo familiar)

Roberto González del Blanco


O polifacético pintor Roberto González del Blanco (1887-1957), orfo de pai, chegou a Santiago aos dous anos de idade seguindo a un tío seu, nomeado coengo da catedral, cidade na que cursou os seus estudos de Bacharelato e de Medicina. Licénciase en Madrid (1911-1912) onde continúa os seus estudos artísticos. En outubro de 1912 inicia unha viaxe que o leva a Exipto, Italia (con estudo propio en Roma), Palestina, Grecia e máis Estambul onde o sorprende o estalo da 1ª Guerra Mundial.
Fotografía: o pintor na súa viaxe a Exipto (Arquivo familiar dos González del Blanco).

Novas exipcíacas


Este domingo pasado, na Voz de Galicia, viña unha entrevista a toda páxina ao restaurador, arqueólogo e debuxante Miguel Ángel López Marcos, quen actualmente traballa no proxecto de rehabilitación dos colosos de Memnón en Exipto. Aledámonos de que o seu traballo sexa recoñecido, entre outras cousas, porque foi el quen procedeu (no seo da empresa Terra Arqueos) á consolidación e posta en valor do Castro Pequeno de Neixón en 2001-2002, chantando os alicerces do proxecto que desenvolvemos nós a posteriori. Aquela actuación está recollida en: Y. Álvarez González, L. F. López González e M. Á. López Marcos (2005): "Recuperación e posta en valor do conxunto arqueolóxico de os Castros de Neixón". En X. M. Ayán Vila (coord.): Os castros de Neixón (Boiro, A Coruña): 93-123. Serie Keltia 30. Noia: Toxosoutos.
Iniciamos deste xeito a categoría de Persoeiros neixonenses (pola que irán saíndo homes e mulleres que deixaron a súa pegada en Neixón) e voamos, de paso, cara ás terras de Cleopatra.

4/3/08

Si bebes no conduzcas

Que difícil es hacer el amor en un Simca 1000.

Arzúa postmoderna


Hippies con solera. Estudantes Erasmus de fin de semana. Carteis de políticos pendurados das farolas. Pensionistas tomando a raxeira do sol. Neofolkies. Pelegríns entusiasmados. Pelegríns fuxidíos. Rapaces de empalmada, rapaces debruzados nos portais. Drogas, queixo e rokanrol. Na feira topamos cun stand da xente dos Tres Lugaris, onde falan coma nós, e ademais venden unhas aceitunas macanudas. Na recreación da súa peculiar identidade o símbolo do chozo vende. Arquitectura identitaria.

Feira do queixo


Dende o ano 1989 non volvín ver un espectáculo deste estilo. Puiden revivi-lo en Hungría, Eslovaquia (con oso incluído), nunha feira perdida dunha aldea lindando con Croacia. Centroeuropa... Temos diante nosa unha unidade doméstica de produción: o can, a cabra, o vello petrucio dirixindo, con sorna e retranca, co tempo escoando polas fírgoas da faciana. Trompeta. órgano. A xove parella de recén casados. Ela, sensual, recollendo as aportacións dun público entregado. El, concentrado coma un pianista de Wertern bar. Nenos bolivianos ollando incrédulos a volta dos tempos dos húngaros, dos cíngaros, dos xitanos.

Fotografía reproducida co permiso dos artistas.