28/12/07

Feliz 2008


Recreación de espazo doméstico castrexo no Belén Artesán de Villaverde de la Abadía, O Bierzo. Nadal de 2007.

Fotografía: Sonia García Rodríguez

20/12/07

Obxectos da Memoria


Antonte o profesor Bernardo Máiz deu unha conferencia no IEGPS sobre a Galicia dos anos 20 e dos comezos da República, dentro do ciclo organizado para conmmora-la Asemblea de Concellos Pro Estatuto 1932. Na súa brillante ponencia o autor defendeu o valor da Historia Oral e da Microhistoria como ferramentas fundamentais para a investigación contemporaneísta, opinión que compartimos totalmente dende una óptica etnoarqueolóxica. A cultura material reflicte grandes procesos históricos e dinámicas sociais.
Na imaxe podedes ver un detalle da matanza do marrao, co Suso 40 dando boa conta da cachucha. No primeiro plano temos un suposto machete, que ten a súa historia. V. P., nun día de caza hai moitos anos, atopou entre as ruínas dunha casa esborrallada de Repil, unha baioneta. Tempo despois, levoulla a un ferreiro-gaiteiro de cerca de Sarria e reconvertiuna nun machete que V.P. emprega nas súas xornadas de caza para loitar contra toxos, silvas, escambrós, uceiras e piornos.
O 20 de abril de 1949 a cúpula da 2ª Agrupación Guerrilleira Galicia-León (os atracadores) era cercada en dúas casas en Repil (na fronteira entre Cereixa e Chavaga, entre a Pobra de Brollón e Monforte de Lemos) inciándose o principio da fin da loita guerrilleira antifranquista.
Dende aquela a vida cambiou moito, senón que llo digan a unha baioneta que cambiou de sexo, forma, función e sentido. O que non perdeu é o seu trasfondo simbólico. Un bo exemplo do que é a cultura material, os obxectos que, coma os músculos, tamén teñen memoria.

18/12/07

O carro da Historia


Onte no IEGPS de Santiago, na inauguración da exposición Asemblea de Concellos Pro Estatuto de Galicia 1932 tivémo-la sorte de escoitar falar sobre o Santiago dos anos 30 a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, dous mozos daquela que traballaron a esgalla a prol do soño autonómico. Avelino Pousa Antelo lembraba a carroceta para recolle-lo lixo do Concello de Santiago que lles cedera Ánxel Casal para a campaña pro-estatuto. Nese veículo iniciaron en Carnota unha xeira por toda a costa, Muros, Noia, Pobra do Caramiñal, Boiro.. para rematar en Rianxo, o berce de Castelao.

Pouco tempo despois, no verán de 1936, outro vello modelo de automóbil servía de veículo para a Brigada de matóns que encheron de sangue todo o Barbanza nunha represión brutal e despiadada. Aínda recordan en Cespón que cando foi dado de baixa o coche dos falanxistas a familia xitana que se adicaba á chatarra non quixeron nin tocalo porque, segundo eles dicían, Ese coche errtaba maldito.

Na Modernidade tanto os soños máis nobles como a morrida morte van sobre rodas.

Fotografía de Xurxo Ayán: Restos dun Ford-T modelo A de 1927. Posición italiana en Guba (fronteira entre Etiopía e Sudán) na fortaleza de Abu Shok, bombardeada en outubro de 1940 por avións da Escadrille Française Libre.

17/12/07

Castelo da Lúa


Xa que estamos por esa beira da ría, se camiñamos dende Taragoña pola beiramar en dirección a Rianxo, topamos cos restos do Castelo da Lúa. Destruído polos irmandiños, nos últimos tempos está sendo obxecto de intervencións arqueolóxicas e de posta en valor. Mais o castelo nunca desapareceu de todo. A imaxe reproduce unha xilografía anónima do século XIX (Vista del castillo de Rianjo tomada desde tierra) na que se amosa unha imaxe romántica da ruína arqueolóxica medieval. Este grabado forma parte da colección Puertas Mosquera recolleita nun excelente lirbo presentado recentemente en Santiago [Galicia no gravado antigo. Colección Puertas Mosquera: páx. 144].
O castelo da Lúa foi e segue sendo un fito na paisaxe simbólica desta zona da ría de Arousa. Bouza Brey e López Cuevillas recolleran no seu día a lenda que falaba da existenza dun túnel por baixo do mar entre Neixón e o castelo, conto do que temos recollido diferentes versións nos últimos anos e que se toma como verdade certa.
Coma un paisano de Rianxo que, como se fose un personaxe de Xente de aquí e de acolá de Cunqueiro, comentaba:

Si, oh, ese túnel entre Neixón e o castelo vaia que se existe. Se eu un día metínme dentro e fun parar cara ao medio da ría, pero daquela collín frío, puxen a chaqueta, din media volta e marchei para casa.

A Pedra de Rufino


Voltaremos sobre o tema do feísmo en futuros posts. No interesante debate xenerado citouse unha referencia ao noso blog que acompaña unha boa foto dun hórreo e un graffitti en Taragoña. En Taragoña, a finais de agosto de 2006 localizamos unha estela romana reutilizada como banco no patio dunha casa. Podería ser outro exemplo de feísmo ao uso, pero eu creo que é moito máis. O dono da peza atopouna hai moitos anos cando escavou para chanta-los alicerces da adega da súa casa, asentada sobre unha posible necrópole galaicorromana, perto da actual igrexa parroquial. A familia desa casa non só preservou a peza, senón que se preocupou por saber que era, poñendo en coñecemento de especialistas o seu achado.
Vimos de publicar esta estela inédita [ X. Ayán Vila e Pedro López Barja de Quiroga. 2007. Una estela funeraria inédita de Taragoña. En Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik, 161: 283-287] A maiores do seu interese epigráfico, histórico e artístico, cómpre engadir todo o mundo simbólico que se agocha dentro do seu contexto de uso no presente. Todo un exemplo de apropiación da cultura material do pasado por parte da sociedade rural e mariñeira galega. Para un achegamento etnoarqueolóxico a este fenómeno propoñémosvos a leitura do noso traballo: Á. Arizaga Castro, P. Fábrega Álvarez, X. Ayán Vila e A. Rodríguez Paz. 2006. A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia). Cuadernos de Estudios Gallegos, 119: 87-129. Santiago: CSIC.


Debuxo: Anxo Rodríguez Paz

11/12/07

Sobre o feísmo (e II)


Pero sexamos realistas...¿Que carallo é iso do feísmo? Porque ata non fai moito coller un somier e uns bloques para facer un galiñeiro era algo ecolóxico, porque estabamos a reciclar. Pero agora non, agora resulta que somos Pepe Gotera e Otilio. Quizais é certo que non temos nin idea de bo gusto nisto da construción... probablemente deberían deixar de botar tanto Luar e tantos cantareiros na Telegaita e poñer máis programas de Brico Manía...

Galicia, o país das chapuciñas. Informe Retranqueiro.
Retranca. Revista mensual de humor galego,
1, novembro de 2007: páx. 3

Fotografía de Xurxo Ayán

Sobre o feísmo (I)


Por otro lado, el escritor de guías también tenía su conciencia social, no sólo veía los lugares hermosos que habían desaparecido, también veía las vidas de la gente. Sabía en qué casas habían nacido y comprendía esas viviendas de ladrillo construidas poco a poco, en cada viaje de vuelta de Suiza o de una marea. Casas feas, de cualquier manera, construidas donde no debían, pero ¿qué alternativa tenían?, ¿quién se las iba a regalar o quién les iba a ayudar a que fuesen más lindas y mejores?

El escritor de guías no podía reírse mucho de esas casas a medio hacer habitadas, feas, casi siempre más grandes de lo necesario, a veces grotescas. Por eso el escritor de guías en paro no soporta la palabra feísmo, la considera estúpida porque oculta la necesidad y el sufrimiento de la gente, también su esfuerzo y su capacidad de salir adelante. La valentía de quienes no esperaron a que les pusiese el Estado una vivienda, sino que se la construyeron a pulso. Feísmo es una palabra que oculta nuestra historia reciente y la ofende con un clasismo insoportable.

Suso de Toro, Seguimos a ello, El País, 2/12/2007

Porque o feísmo é unha falacia clasista de liñas editoriais obsoletas. Dende hai tempo vimos defendendo (dende este blog tamén) outra maneira de aborda-la arquitectura moderna e postmoderna das vilas e aldeas galegas, toda unha manifestación da cultura material que cómpre estudar arqueoloxica e antropoloxicamente.

Fotografía de Xurxo Ayán

O tempora o mores


Fotografías en branco e negro dun tempo que oficialmente xa non poderá retornar. No medio do debate baldeiro encol da natureza presente de Galicia (urbana, semiurbana, ruralizante, ruraloide, rururbana) Europa obriga a elimina-lo cuchilo (palabra patrimonial na zona de Lemos, e non castelanismo) da matanza do marrao. Por suposto, o vademecum pola dignidade animal e a normativa europea neste caso vai ter tanto efecto coma o De Correctione Rusticorum do panonio Martiño de Dumio. Ou sexa, ningún. Coma a prohibición de elaborar augardente na casa.
Como cantaban os Yellow Pixoliñas:

Non temos nin bandeira,
nin himno nacional,
pero temos moito viño
e augardente artesanal

Fotografía: Casa da Diosa, Cima de Vila, Cereixa, Pobra de Brollón, Lugo. 3 de Nadal de 2007.

5/12/07

ACE Project


O 23 e 24 de novembro de 2007 participamos na primeira reunión do proxecto Archaeology in Contemporary Europe aprobado pola Comisión Europea dentro do Programme Culture (2007-2013). O meeting celebrouse no Collège de France a instancias do I.N.R.AP. francés e nel se deron cita as institucións implicadas, entre as que se atopa o Laboratorio de Arqueoloxía do IEGPS (CSIC-Xunta). Os tres obxectivos principais do proxecto son:

a) analisa-la significación da arqueoloxía na construción da identidade local, rexional e transnacional así como promover a Arqueoloxía na Europa de hoxe tentando achegarse a tódolos públicos.

b) avaliar convencións, metodoloxías e procedementos no eido da profesión arqueolóxica a escala transeuropea.

c) comprende-la percepción da Arqueoloxía contemporánea por parte da sociedade europea, as comunidades locais, os planificadores rexionais, as administracións e mailo público xeral.

A filosofía de traballo resúmese na seguinte declaración de intencións:

Developments across Europe pose severe threats to archaeological remains, but also provide opportunities to enhance sustainable archaeological heritage management for the benefit of Europe's citizens as a whole.

Dentro deste proxecto elixiránse unha serie de xacementos arqueolóxicos que sirvan de model sites, isto é, de campos de experimentación desta Arqueoloxía social que combina a investigación básica e maila difusión e divulgación do coñecemento e da prática arqueolóxica. Os Castros de Neixón e mailo seu campo de traballo internacional aspiran a converterse nun destes xacementos modélicos nos que se materializa unha forma determinada de ver a Arqueoloxía como prática social no presente.