24/8/07

Fráxil


Na zona do río Brea, fronteira natural entre Cespón e Beluso, existe unha necrópole megalítica, ao carón do mar, na liña de tránsito natural que seguiu o camiño real e a estrada de finais do século XIX. Esta mámoa fora cortada daquela e rematada ultimamente coa construcción dun aparcadoiro dun restaurante. Ao carón dun contáiner e do anuncio dunha pelexa de boxeo, vemos, degoldrado, un cartón cáustico e lacónico que reza:

FRÁGIL: NO DAR VUELTAS

13/8/07

Pasou o día, pasou a romaría


Un prestamarco de hoxe bota unha soneca no centro da croa do Castro Grande, degoldrado sobre unha sondaxe arqueolóxica en ciernes.
Conciliando Arqueoloxía e Sociedade.

Arte efímera


O bar da comisión de Festas agarda pola segunda oleada da noite: a verbena. As caixas de cerveza apuran os seus últimos minutos de vida. A cruz procesional, centro da atención tempo atrás, volta ao calello do soños rotos, ao baúl dos recordos.
Só un altar queda como resto arqueolóxico dunha romaría, tralo eficiente traballo do Servizo de Limpeza do Concello.

Romaría (2)


O parapeto do Castro Grande de Neixón. Un altar. Unha queimada. Uns gaiteiros.
Non coñezo outro castro en Galicia con estas prestacións.

Romaría (1)


Ex-labregas indo á fonte, ex-leiteiras.
A Xunta chámalles Mulleres rurais.
Fanta: de laranxa ou de limón?

Exipto


A capela de Exipto, en Boiro, deu lugar a fondas devocións e cultos de raigame popular.
Nesa escenografía da Postmodernidade que é a nosa Galicia do presente, a alguén lle deu por modernizar a imaxe do lugar.
Esta si que é unha obra faraónica e non a Cidade da Cultura.

7/8/07

Channel nº 5


Este minúsculo anaco, documentado no nivel prerromano do recinto superior do Castro Grande a semana pasada, pode identificarse coma un fragmento dun aryballos ou amphoriskos, realizado en pasta vítrea sobre un núcleo de area ou arxila. A peza pode encadrarse entre os séculos V-III a. C. e chegaría ao NW como consecuencia do primeiro grande episodio comercial entre pobos mediterráneos e mailas comunidades castrexas, acompañando a outro tipo de materiais como ánforas (Mañá-Pascual A4), plratos de bordo pintado ou askós, tamén documentados no Castro Grande de Neixón.
Este anaco é a cuarta peza destas características aparecida no NW hispánico despois das de Cale (Morro da Sé, en Porto), Castro das Ermidas (Vila Nova de Familiçao) e, o xa mítico “aryballos fenicio” aparecido no Castro de Neixón Pequeno nos anos 70, hoxe en paradoiro descoñecido.
Estamos perante un ben de prestixio por unha doble razón; por unha banda, o exotismo (materia prima e acabado) da propia peza, feito que xa de por si resultaría de sumo valor para as elites castrexas e, por outra banda, o seu contido, aceites ou esencias empregados para unxi-lo corpo en baños ou rituais.
A aparición dun contedor realizado en pasta vítrea por artesáns mediterráneos extra-peninsulares (pode proceder de obradoiros cartaxineses ou tratarse de pezas de orixe grega comercializadas por elementos púnicos) pon de maniiesto a importancia de extensas redes de intercambio que continúan unha longa tradición de contactos interrexionais entre o Mediterráneo e mailo NW peninsular iniciada xa na Idade do Bronce, redes polas que ademais de obxectos circularían ideas que paseniñamente serán asumidas polas elites locais controladoras deses intercambios.
Ademais das pezas documentadas no NW, existen paralelos en toda a Península de pezas semellantes cunha ampla cronoloxía que arrinca no século VI a.C. e chega ao século II a.C.; así podemos cita-los exemplos de Morro de Mezquitilla, Ibiza, a necrópole de El Cigarralejo (Murcia), Cerro da Rocha Branca (Silves, Portugal), Gaio (Silves, Portugal), Alcácer do Sal ou o Crasto de Tavarede (Figueira da Foz).

Rafael Mª. Rodríguez Martínez (Arqueólogo da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, técnico do equipo arqueolóxico do proxecto de Os Castros de Neixón).

Literatura e Arqueoloxía

Reconocer la importancia de la narración en arqueología supone admitir, paralelamente, que el lenguaje supuestamente científico no es la única forma de producir conocimiento. Lo poético, en el buen sentido, no tiene por qué estar reñido con la verdad.
La Arqueología tiene que tomar en consideración la forma en que la gente se encuentra materialmente involucrada en el mundo y en sus relaciones con los objetos y dar cuenta de esa experiencia; debe ser consciente de que el pasado está poblado por personas y cosas estrechamente relacionadas, no por individuos pero tampoco por entes abstractos, y, finalmente, debe tratar de contar el pasado de una forma narrativa, con todo lo que ello implica desde un punto de vista literario. Si hacemos esto, será más fácil que la arqueología deje de verse como una ciencia inútil, esotérica y apartada de la realidad. Se trata, en definitiva, de hacer de nuestra disciplina una práctica comprensible y necesaria.

[Alfredo González Ruibal: Experiencia, Narración, Personas: Elementos para una arqueología comprensible. Complutum, 2006, vol. 17: 235-46. Madrid, páx. 245].

6/8/07

Manifesto futurista


Os Castros de Neixón non son só pasado e presente. Pode ser soñada esta paisaxe coma un escenario dun capítulo de Futurama.
A Arqueoloxía tamén é unha sorte de Ciencia-Ficción.

Veciños


Este petroglifo leva censado en Rianxo dende hai máis de tres mil anos. Todo un problema. O pobriño non entende de subornos, non vota, non paga hipotecas. Inútil e innecesario para o sistema. Unha nova urbanización quitoulle as vistas á costa.
Un petroglifo indixente, sobrevivindo no PXOM.

¿A mano o a máquina?


Voy a probarlo

Paseniñamente


Cruzamos o paso de ecuador da campaña arqueolóxica Neixón 2007. O tempo pasa paseniñamente en Cespón. Aquí as cousas levan o seu ritmo, malia o desdoble do corredor do Barbanza.

Metáfora


Un pico polo que escoa a Historia, polo que verqueu vida no seu tempo, apreixado por beizos sedentos. En Arqueoloxía somos moi dados á poesía de cantina, empregando metáforas de folletín: o río da Historia, os sumidoiros da Historia, as capas da cebola, a Historia dende abaixo, Historia magistra vitae.
Contra o final da película O Pianista, o protagonista dáse conta da fuxida dos alemáns de Varsovia, sae á rúa vestindo un abrigo de oficial alemán. A piques de ser acribillado por este malentendido, pregúntanlle a razón pola cal viste esa prenda: porque teño frío. A sinxela resposta, funcionalista, agocha cinco anos de conxunturas históricas.
Que os castrexos tiñan sede é algo obvio. Como dicían os vellos da miña aldea: Haberá que molla-la palabra.
Banquete, ritual, simbolismo, sociedade.

Gracias


No castro de Borneiro, vedes os rapaces e rapazas de Francia, Italia, Galicia, España que viñeron a axudarnos a Neixón na primeira quenda do campo de traballo. Días de viño e rosas. Unha piña de xente ao redor dunha cabana castrexa.
Círculos de sociabilidade.

1/8/07

Muíñada (2)


Para saber como se utilizaban eses muíños barquiformes, cómpre ir, por exemplo, a Etiopía occidental. Esta muller gumuz de Metekel moe gran de sorgo, iniciando o camiño da elaboración do pan, base da subsistencia da familia. As mulleres dos castros moían millo miúdo, centeo, trigo e landras nestas pedras que conservan a súa cara pulida, recordando que tiveron vida no seu día.
Durmindo nunha cabana de Bowla Dibas'i un non esquece o ruído mecánico, constante e sempiterno da man de moer, batendo no muíño, apreixada pola muller da casa, hora tras hora, día e noite.
Arqueoloxía viva.

Muiñada


Velaí os tedes, coma namorados adolescentes nunha alameda: unha meta de muíño circular e, ao carón, fachendoso, un muíño barquiforme, dado a volta. O amor traspasa as fronteiras infindas do tempo. Os muíños circulares foron introducidos pola romanización, senón antes (posible influencia cartaxinesa), mentres que os naviformes veñen xa da lonxanía do Neolítico. Os procesos postdeposicionais (verba que encandila aos arqueólogos) fixeron que se coñecesen no sector 01 da escavación do Castro Grande de Neixón.
Unha noite no muíño, unha noite non é nada...